O PSOE de Viveiro aclara que o Goberno de Gueimunde mantén o plan de tramitación do PXOM dos socialistas

AMariñaXa
Afirman que durante os anos de Goberno de María Loureiro, o Concello de Viveiro sufriu un "bloqueo evidente" por parte da Xunta de Galicia"
maria-loureiro-alcaldesa-viveiro-2024
17 Oct 2025

O PSOE de Viveiro quere aclarar que o actual goberno municipal está a continuar exactamente a mesma tramitación de Plan xeral de ordenación Municipal (PXOM) iniciada polo anterior goberno socialista, coa mesma empresa redactora e co mesmo procedemento técnico e administrativo que foi contratado de forma pública e transparente.

"Resulta sorprendente que quen durante anos criticou e cuestionou o traballo do equipo redactor e da anterior alcaldesa e voceira do PSOE María Loureiro agora siga o mesmo camiño. O que se está a facer é seguir coa mesma tramitación, corrixindo os informes que requiren as diferentes administracións e reenviar os documentos, tal e como xa se fixo dende o goberno socialista durante o seus mandatos", aclaran.

Afirman que durante este tempo, o Concello de Viveiro sufriu un "bloqueo evidente" por parte da Xunta de Galicia", especialmente en Augas de Galicia, e a Dirección Xeral de Patrimonio, que tiveron o expediente parado durante tres anos, "sen dar respostas nin realizar observacións. O goberno socialista enviaba o documento do PXOM para que informaran, e durante tres anos, tanto en Patrimonio da Xunta como en Augas de Galicia, non contestaron. A pesar dos escritos que se enviaban dende o Concello demandando reposta".

Engaden que, ante esta falta de resposta da Xunta, a propia María Loureiro tivo que dirixirse persoalmente ó anterior presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo durante un acto público para pedir que desbloqueasen o expediente de Patrimonio que levaban tres anos sen contestación. "Pouco despois, chegou finalmente unha resposta que permitiu seguir avanzando", din.

Nas reunións de traballo que se fixeron nestes últimos anos en Santiago concretamente na Consellería de Infraestructuras cos técnicos da Xunta a anterior alcaldesa socialista procuraba acudir con todos os voceiros dos diferentes grupos políticos, porque sempre se considerou que o PXOM é un asunto de interese xeral, e que require unidade e consenso.

"Desde o PSOE de Viveiro queremos deixar claro que o actual goberno do Partido Popular non iniciou nada novo, senón que continúa o traballo técnico, administrativo e político que o goberno socialista deixara encamiñado. A diferencia importante e que agora na Xunta de Galicia o tramitarán con máis celeridade que cando estaba o goberno socialista", conclúen e remarcan que "o importante é que o PXOM avance, pero tamén é necesario recoñecer quen fixo o traballo e que tivo que loitar contra o bloqueo da Xunta para que hoxe poda seguir avanzando".

⚙ Configurar cookies
0.072618961334229