O PSOE de Trabada pide que a cuarta dose da vacina a maiores sexa nos centros de saúde

AMariñaXa
O Grupo Municipal Socialista de Trabada reclama ao Sergas que administre a cuarta dose da vacina nos centros de saúde
20 Out 2022

O Grupo Municipal Socialista de Trabada reclama ao Sergas que administre a cuarta dose da vacina da COVID-19 ás persoas maiores de 80 anos nos centros de saúde ou nos puntos de atención continuada (PACS) de referencia. 

O pleno municipal aprobou hoxe unha moción presentada polo PSOE para reclamar á Xunta o cambio da estratexia de vacinación, que supón un importante trastorno e custo para as persoas maiores.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) decidiu centralizar o subministro da cuarta dose da vacina da COVID-19 para maiores de 85 anos no HULA, no Hospital da Mariña e no Hospital Comarcal de Monforte. Esta situación difire da estratexia doutras campañas de vacinación, onde as persoas maiores acudiron ao seu centro de saúde e PAC de referencia.  

“Agora, obrígase aos nosos maiores a realizar un longo desprazamento de ida e volta para poder vacinarse. Isto supón un trastorno innecesario para os maiores e as súas familias, que os deben acompañar a recibir á vacina. Ademais, a Xunta implanta na práctica un copago aos nosos maiores para poder recibir a vacina, xa que teñen que pagar do seu peto o custe do desprazamento”, sinala Mayra García Bermúdez.

A alcaldesa socialista engade que esta medida “é un novo castigo da Xunta de Galicia ó noso rural porque afasta dos veciños e veciñas un servizo público básico, dificultándolles gravemente o acceso a unha prestación á que teñen dereito de maneira totalmente gratuíta e lamenta que o PP de Trabada non apoiara esta moción decindo que calquera veciño pode desprazarse, o que denota a súa falta de coñecemento da realidade de moitas veciñas e veciños maiores que viven sós, que non teñen vehículo propio e que dependen doutras persoas para desprazarse”.  

Neste sentido, o grupo municipal socialista sinala a problemática da situación nun municipio “que é eminentemente rural e que conta cunha poboación cun alto grao de dispersión e de envellecemento”.  

Deste modo, “trasladaremos as nosas reivindicacións á consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para que considere o trastorno e o gasto que supón a súa estratexia de vacinación para as persoas maiores e as familias”, remata Mayra García Bermúdez. 

PARTIDO POPULAR

O PP de Trabada califica de “oportunista e electoralista” a moción presentada polo PSOE en materia de vacinación. "No pasado pleno do concello de Trabada a alcaldesa, Mayra García, presentou unha moción na que solicitou á Xunta de Galicia a vacinación de maiores de 80 anos no propio centro de saúde de Trabada ou no PAC de referencia". O PP abstívose nesta liña, pois “non podemos instar á Xunta a facer algo que xa estan facendo” di o voceiro dos populares, José María Fernández, que calificou de “oportunista e electoralista” esta moción.

Para Fernández, “a alcaldesa quere enganar aos veciños e equere como sempre poñer trabas”. A Xunta de Galicia desde o primeiro momento vacinou nos centros de vacinación masiva e citou a os maiores de 80 anos. A pesar disto, se unha persoa non puidera acudir ao centro de saúde teñen como opción a posibilidade de ser vacinados no PAC de referencia en Ribadeo “no que están vacinando a unhas 90 persoas ao día”. E aínda así, se non puideran movilizarse por enfermidade ou por calquera outro tipo de cuestións, terían a opción de recibir a vacina no propio domicilio.

Desde o grupo municipal popular “queremos criticar o descoñecemento que esta alcaldesa ten da realidade dos veciños de Trabada”. José María Fernández engade que “esta alcaldesa é unha mentirosa e unha auténtica descoñecedora do que acontece no municipio, o único que sabe facer é criticar o traballo da Xunta e intentar deixar en evidencia ao noso grupo municipal”. 

Neste sentido, o voceiro destaca que “isto é unha mentira absoluta, a Xunta de Galicia ten un compromiso co noso municipio e ela sabe máis da realidade dos veciños de Lugo ou Foz que é onde se move, que de Trabada, pois nin se quera vive aquí e é do saber popular que está farta”.

0.19464516639709