O PSOE de Mondoñedo esixe á Xunta unha nova parada de autobús para os escolares

AMariñaXa
Recibimos moitas queixas das familias afectadas, xa que a piques de comezar o curso escolar non saben si teñen transporte para poder asistir aos seus respectivos institutos”, advirten
Imaxe recurso de estudantes
11 sep 2024

Os Socialistas de Mondoñedo demandan ao Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia a creación dunha nova parada de autobús regular no municipio, coa finalidade de facilitar o acceso do alumnado mindoniense aos centros educativos da Mariña. Esta reclamación vén motivada pola actual situación, onde a liña regular de autobuses realiza a súa primeira parada en Alfoz, deixando a Mondoñedo sen servizo directo.

“O PSdeG insta ao Goberno do PP de Mondoñedo a buscar unha solución con tódolos axentes implicados, ante a inexistencia de transporte público gratuíto aos centros educativos da Mariña”, afirmaron os socialistas. Aseguran que esta situación preocupa de maneira especial ás familias afectadas, que, a poucos días do inicio do curso escolar, aínda non saben se os seus fillos contarán con transporte para asistir ás aulas.

Dende o PSdeG subliñan que é crucial que o Goberno Municipal se involucre activamente na busca dunha solución. “Entre todos temos que atopar unha saída a esta problemática, que non só preocupa ás familias, senón que tamén pode comprometer a educación dos mozos e mozas de Mondoñedo”, concluíron.

O curso escolar está a piques de comezar e a incerteza sobre a dispoñibilidade do transporte público está a causar inquietude entre a comunidade educativa da zona.

0.19138121604919