O PSOE de Foz refórzase coa súa nova executiva local
O PSdeG-PSOE de Foz celebrou este domingo 6 de marzo a Asemblea onde se renovou a executiva local por aclamación de todos os asistentes e no que o alcalde Fran Cajoto colle o relevo como secretario xeral de Chema Linares, que tamén forma parte da nova executiva.
Segundo palabras do alcalde Fran Cajoto, novo Secretario Xeral, o obxectivo principal é "reforzar a formación para dar un novo impulso ao proxecto de goberno, buscando a mellor xestión para as veciñas e veciños de Foz". "As compañeiras e compañeiros fixeron posible un gran apoio a este proxecto no ano 19, que trouxo unha moi necesaria estabilidade ao noso municipio e que permitiu desenvolver un programa de futuro, serio e comprometido no que a pesar do difícil contexto sanitario que nos tocou afrontar xa estamos vendo froitos moi importantes".
"A pretensión deste novo período que comeza é potenciar o traballo, honesto e con rigor, da anterior executiva encabezada por Chema Linares", dixeron dende o PSOE.
"Somos un partido aberto e queremos que máis persoas se sumen a el. Mellorar a vida dos cidadáns acádase con un gran equipo, teño que agradecer a todos os compañeiros e compañeiras que forman parte da nova executiva o seu esforzo. Máis persoas se poderían ter sumado e vannos axudar, nótase a implicación e as gañas" - remarca Fran Cajoto.
A executiva encabezada por Fran Cajoto como Secretario Xeral está reforzada no plano político por Carlos García , Vicesecretario Xeral e responsable de Proxecto Político e Acción Electoral.
María Luisa Piñeira Núñez, da que destacan a gran capacidade de traballo, continúa como Secretaria de Organización e ocuparase tamén das áreas de Administración, Educación e Saúde. José María Linares Rodríguez pasa a ser Secretario de Facenda, Turismo e Cultura e Jesús Hermida Carracedo Secretario de Política Municipal, Deporte e Xuventude. Completan a executiva Ana Matea Rojo Eijo, Secretaria de Igualdade, Benestar e Dependencia; Javier Fraga Fernández, Secretario de Medio Rural, Medio Ambiente e Transición Ecolóxica; Vanina Cabrera Sánchez, Secretaria de Emprego e Comercio; María Nelly Castro Neira, Secretaria de Xubilados e Pensionistas e José Ramón Villarino Neira, Secretario de Pesca e Patrimonio.