O PSOE de Foz propón acelerar medidas en vivenda, investimentos nas parroquias e melloras na limpeza urbana

A Agrupación Socialista de Foz reuniu recentemente a súa Executiva Local para analizar as principais necesidades do municipio e definir novas liñas de acción conxuntas co Goberno Municipal. No encontro, os socialistas puxeron sobre a mesa propostas en materia de vivenda, infraestruturas e servizos públicos, poñendo o foco nas políticas que repercuten directamente no benestar da veciñanza.
Un dos asuntos centrais foi a problemática da vivenda pública, que o PSOE cualifica de “bloqueo político” debido á falta de investimento da Xunta de Galicia e á negativa de PP e BNG a apoiar a compra do solar de Vialmar. Os membros da Executiva coincidiron en que é necesario acelerar o paso e buscar novas alternativas que permitan superar as resistencias políticas actuais. O obxectivo, segundo explicaron, é elaborar un plan que facilite o acceso a unha vivenda digna, especialmente para a xente moza e as familias con menos recursos.
Durante a reunión tamén se abordou a construción dun parque cuberto, unha infraestrutura moi demandada pola cidadanía e considerada “clave” para mellorar os espazos de lecer e convivencia, sobre todo nos meses de inverno. Os socialistas subliñaron que este proxecto “non só responde a unha necesidade social, senón tamén á aposta por un Foz máis accesible e dinámico”.
Outro dos temas tratados foi o reforzo dos investimentos nas parroquias. A Executiva do PSOE agradeceu o apoio do parque de maquinaria da Deputación de Lugo, que permitiu durante os meses de setembro e outubro o asfaltado de camiños en Vilaronte, e insistiu na importancia de que todas as parroquias conten con servizos e dotacións adecuadas, así como cun mantemento continuo de camiños, alumeado e espazos públicos.
Finalmente, o encontro serviu tamén para avaliar posibles melloras na limpeza urbana, tanto no casco urbano como nas zonas costeiras e rurais, especialmente tras as obras de accesibilidade e renovación de servizos realizadas en varias rúas do centro.
Desde a Executiva local socialista destacaron que “Foz precisa seguir avanzando con paso firme en cuestións que afectan directamente ao benestar das veciñas e veciños. Apostamos por un municipio que non só creza en poboación ou renda, senón tamén en equilibrio, servizos de calidade e oportunidades para todos e todas”, concluíron.