O PSOE de Foz lanza a camiseta 'Pulsa o vermello' como símbolo dos seus valores sociais

Foz
AMariñaXa
A presentación da peza tivo lugar como antesala ao tradicional xantar do 1 de maio, que se celebrará no restaurante O Rincón do Mis
Foz-camiseta-pulsa-vermello-2025
30 Apr 2025

O PSdeG-PSOE de Foz deu a coñecer este mércores a súa nova camiseta co lema 'Pulsa o vermello', unha proposta simbólica coa que a agrupación local quere visibilizar os principios que inspiran a súa acción política. A presentación tivo lugar en vésperas do tradicional xantar do Día do Traballo, que este ano se celebrará o 1 de maio no restaurante O Rincón do Mis.

O secretario xeral dos socialistas focenses, Fran Cajoto, definiu a camiseta como “un espello da nosa identidade, dos valores que sustentan a nosa loita política e das causas polas que traballamos a diario, tanto a nivel local como global”.

O deseño da camiseta destaca por un mosaico composto por nove iconas, que representan de xeito sinxelo pero elocuente as prioridades do partido: sanidade pública, coidado da lingua e cultura galegas, igualdade de xénero e diversidade sexual, defensa ambiental, igualdade racial, educación pública, traballo digno e acceso á vivenda a prezos xustos.

Ademais, o debuxo inclúe un veleiro e ondas mariñas, elementos extraídos da bandeira e escudo do Concello de Foz, como mostra do compromiso municipalista da agrupación.

No centro da composición, en cor vermella, sobresae a clásica rosa socialista, que simboliza “o camiño a seguir” e convida á cidadanía a “premer o botón vermello para continuar avanzando en dereitos e xustiza social”, en palabras de Cajoto.

“O 1 de maio é un día de reivindicación e tamén de compromiso. Con esta iniciativa convidamos a toda a veciñanza a sumar forzas, a crer que é posible unha sociedade máis xusta, e a defender o que tanto nos custou acadar”, concluíu o portavoz local.

⚙ Configurar cookies
0.16256594657898