O PSOE de Barreiros alerta de que o PP baralla desfacerse dun médico de atención primaria
O PSOE alerta de que o PP baralla desfacerse dun médico de atención primaria no Centro de Saúde de Barreiros. Así o denunciou este venres a voceira socialista, Carmen Veiga, quen explicou que segundo os criterios da Xunta de Galicia cada facultativo debe atender a un máximo de 1.500 persoas e actualmente o censo de Barreiros non chega aos 3.000. “O Partido Popular quere recortar o persoal e pasar de 3 a 2 médicos para aforrar custos, provocando o deterioro deste servizo básico que non será capaz de cubrir as necesidades dos nosos veciños. Os socialistas estamos totalmente en contra de calquera intento de amortizar unha das tres prazas médicas”.
Carmen Veiga anunciou que o PSOE de Barreiros presentará no vindeiro pleno ordinario unha iniciativa instando á Xunta e ao Concello a garantir a correcta atención primaria mediante a contratación de substitutos e reforzar o servizo coa incorporación dun profesional de xeriatría. Ademais, os socialistas solicitarán un informe dos problemas estruturais do edificio do Centro de Saúde, co compromiso de realizar os arranxos necesarios para poder manter as condicións necesarias para unha correcta atención sanitaria.
A voceira socialista explicou que as ratios que manexa o PP non se poden aplicar en Barreiros pois “durante máis de 5 meses ao ano a poboación vese aumentada a preto de 15.000 persoas pois moitas familias teñen segunda residencia non noso Concello. Este feito, fai necesario que o número de médicos non diminúa no noso municipio, xa que unha atención primaria de calidade fideliza a poboación visitante ao tempo que supón un acicate para o conxunto de veciños e veciñas.
Carmen Veiga subliñou que o envellecemento da poboación e o aumento da cronicidade supoñen un dos problemas esenciais que ten Barreiros, “onde máis de un terzo da poboación supera os 65 anos. Neste contexto social é imprescindible que os nosos maiores dispoñan dunha atención primaria pública e de calidade á que teñen dereito, por iso demandamos un xeriatra no Centro de Saúde”.
ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde, Alfonso Fuente, vén de enviarlle unha carta á Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta para que cubra de forma inmediata as baixas médicas que se produzan no centro de saúde da localidade. O rexedor refírese ao malestar xerado pola ausencia de pediatra, xa que “ocasiona retrasos nas vacinas, na atención e nos tratamentos que precisan nenas e nenos deste concello”.
Alfonso Fuente contou que “ante a situación que está a pasar no centro médico onde non se está a cubrir a baixa do pediatra e ante a incertidume por parte dos pais dos nenos que necesitan atención pediátrica, desde o Concello o que fixemos foi dirixir unha carta ao director xeral pedíndolle que se cubran esas baixas de inmediato, porque non se está atendendo o calendario de vacinas e cremos que é importante que se faga así”.
O alcalde dixo que “é un servizo que xa o temos nunha serie de días á semana e o que pedimos é que se cubra esa baixa, que se atenda de inmediato. Somos conscientes ás veces dos inconvenientes que xorden para encontrar pediatras, pero tamén pedimos que non queremos ser eses cidadáns de segunda e poder ter esa atención con normalidade”.
Fuente Parga engadiu que “hai pais que están decidindo levar aos nenos ao médico de cabeceira e autorizando os médicos de cabeceira a colocar esas vacinas, que se están poñendo por parte dos ATS do centro médico. Polo tanto aínda que esta situación poida ser temporal, o que pedimos é que se cubra esa praza canto antes. Eu creo que a forma de facelo é desde institucións como é o Concello, dirixirse por escrito ao director xeral para que atenda esta situación”.