O PSOE de Alfoz presenta a candidatura para as eleccións municipais

AMariñaXa
O socialista Jorge Val volverá concorrer ás eleccións do día 28 de maio "ás que decidín volver a presentarme coa ilusión de seguir traballando polo benestar de todos os veciños e veciñas de Alfoz os vindeiros 4 anos".
Alfoz candidatura 2023 PSOE
1 Maio 2023

O socialista Jorge Val volverá concorrer ás eleccións do día 28 de maio "ás que decidín volver a presentarme coa ilusión de seguir traballando polo benestar de todos os veciños e veciñas de Alfoz os vindeiros 4 anos".

Os motivos de presentación son varios e "comeza pola petición de moita xente do pobo, de distintas ideas políticas que me animan a continuar pola forma de traballar, con transparencia, boa xestión e co trato próximo a todos sen diferenciar a ideoloxía de cada quen, mirando sempre polas necesidades de Alfoz". En segundo lugar, di Val, "porque quero ver feitos proxectos que iniciamos neste tempo coma o Plan Básico de Urbanismo, O Centro de Interpretación de Pardo de Cela no noso Castelo, a mellora das beirarrúas da Seara, poñer en marcha o Plan de Dinamización das Parroquias para que cada veciño e veciña se sinta orgulloso do seu entorno, etc. marcando un antes e despois".

Nesta candidatura acompáñano un equipo de mulleres e homes "comprometidos co seu pobo, que creen firmemente no potencial de Alfoz para seguir mellorando en todos os ámbitos, poñendo por diante sempre o benestar da veciñanza e avalado polo traballo realizado durante estes anos. Non hai case cambios na candidatura porque cando as cousas funcionan ben non é preciso cambialas".

"De xeito especial quero agradecer a súa labor nesta lexislatura a Marisa Goás e César Marrube, concelleiros de Cultura e Deporte que deixan a primeira liña a Sonia Expósito e Alex Carballeira pero que continúan e continuarán traballando polo proxecto socialista de Alfoz como fixeron sempre", dixo o rexedor alfocego.

"Non vou lembrarvos todas obras que fixemos ao longo destes anos, so hai que facer memoria de como estaban as estradas das Oiras, do Pereiro, de Bacoi, de Adelán, de Carballido...e os accesos aos distintos núcleos, así como a traída de augas", di.

"Tamén se fixeron distintas actividades culturais, educativas, deportivas, colaborando ao máximo coas asociacións e cos centros educativos de Alfoz. Continuamos e melloramos os programas de conciliación e de axudas aos estudantes, tanto coas becas de transporte como co servizo de información e tramitación de becas do Ministerio de Educación" dixo Val, " e en turismo, seguimos promocionando o noso concello e poñendo en valor o seu gran patrimonio histórico, artístico e natural e tendo cada vez máis visitantes de distintos lugares de España e do estranxeiro".

"Colaboramos con outras administracións e coa iniciativa privada para avanzar na implantación da administración electrónica e mellorar as conexións de internet, tendo fibra en case todo o municipio e apostando pola formación de todos en todas nas novas tecnoloxías para que ninguén se quede atrás", engadiu.

"Non esquecemos nunca aos nosos maiores, invertendo en servizos sociais para cubrir as súas necesidades e tamén en actividades educativas coma o Programa Activamente ou deportivas para favorecer hábitos saudables", engadiu.

"Quero seguir traballando outros 4 anos máis, con honradez, transparencia e coa participación de todos e todas vós, para que ninguén se sinta marxinado polo lugar onde viva, porque creo firmemente no rural e nas vantaxes que temos e podemos ter ao residir nun entorno tan privilexiado como o noso pobo", rematou dicindo Val.

LISTA

  • JORGE VAL DÍAZ
  • ANA ARANZAZU INCERA ARES
  • CÁNDIDO PALEO REJES
  • SONIA EXPÓSITO GOÁS
  • ALEJANDRO CARBALLEIRA PEDREIRA
  • ANA BELÉN DÍAZ GONZÁLEZ
  • JUSTO JUAN MASEDA PAZ
  • Mª LUISA GOÁS LORENZO
  • CARLOS SANJURJO LORENZO
  • ELÍAS PARDEIRO CAYÓN
  • JOSÉ RAMÓN VIZOSO GOÁS
  • PEDRO CARREIRAS VIZOSO
  • JOSÉ MARÍA EXPÓSITO RODRÍGUEZ
  • RAMÓN RUBAL FERNÁNDEZ
  • CÉSAR MARRUBE NOVO
0.092271089553833