O PSOE critica o oportunismo do PP no debate sobre a seguridade no Fiouco

AMariñaXa
Acúsase aos senadores populares por Lugo de incoherencia e oportunismo político ao esixir medidas que rexeitaron cando gobernaban
Imaxe de Cesar Mogo
15 May 2025

A recente ofensiva dos senadores do Partido Popular por Lugo, esixindo ao Goberno central novas actuacións de seguridade na zona do Fiouco, está a xerar unha onda de críticas pola súa falta de coherencia política. Segundo diversas fontes, os representantes populares están a pedir agora solucións que no pasado rexeitaron ou mesmo votaron en contra cando estaban no poder.

A situación resulta especialmente rechamante, segundo denuncian, porque foi durante o actual mandato do Executivo de Pedro Sánchez cando se implementou un moderno sistema de balizamento antinéboa que reduciu significativamente os riscos de circulación e os cortes neste tramo da A-8. Un sistema que non foi implantado durante os anos de goberno de Mariano Rajoy, a pesar das reiteradas demandas por parte de colectivos da zona.

“As medidas actuais de seguridade son moi superiores ás que existían antes, e aínda están previstas melloras adicionais. Polo tanto, esixir agora máis actuacións cando antes non fixeron nada, é un exercicio de cinismo político”, apuntan fontes próximas ao Executivo.

A polémica non remata aí. Lémbrase que algún dos actuais senadores tamén votou en contra no Parlamento galego de arranxos para a estrada Nacional 634, que agora reclaman con urxencia. “Hai que ter moito rostro para criticar a falta de actuacións cando foron eles mesmos os que bloquearon esas iniciativas”, denuncian.

A acusación máis grave é a de estar utilizando a seguridade viaria e a preocupación cidadá como ferramenta de confrontación política. “Resulta lamentable que agora pretendan xerar alarma sobre un asunto que está mellor resolto ca nunca. Cando tiveron a oportunidade de actuar, preferiron o inmobilismo”, engaden.

Nos últimos meses, os senadores populares acumularon outros episodios controvertidos, desde declaracións equivocadas sobre o polígono de Rábade ata manipulacións nas respostas do Goberno. “O seu currículo recente está marcado polo oportunismo e polos erros, nun intento continuo de facerse notar nos medios como se estivésemos en campaña electoral”, conclúen as mesmas fontes.

⚙ Configurar cookies
0.16499018669128