O PSOE critica ao Goberno de Viveiro por renunciar á continuidade do proxecto SuperArte

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro lamentou profundamente a decisión do Goberno local de non dar continuidade ao proxecto SuperArte, unha iniciativa que, segundo o PSOE, “convertérase nun símbolo de inclusión e nun referente cultural e social para o municipio”.
A formación explicou que, a pesar de presentar unha moción para garantir a celebración da sétima edición do evento, “a alcaldesa deixou claro no pleno que non ten intención de retomar nin impulsar esta actividade”. Os socialistas defenderon que, malia que as bases da subvención da Xunta de Galicia mudasen e o Concello xa non puidese optar aos 2.000 euros que se achegaban para SuperArte, “o propio Concello podía asumir perfectamente os 5.000 euros restantes para manter o proxecto”.
“Falamos dun orzamento total de 7.000 euros, unha cantidade perfectamente asumible para unha proposta que tiña unha fonda transcendencia social e cultural para Viveiro”, precisaron desde o grupo socialista. A voceira, María Loureiro, chegou incluso a propoñer “reducir o custo se o problema era orzamentario, pero non deixar de facelo”.
O PSOE considera que a verdadeira razón da cancelación non é económica, senón “unha evidente falta de vontade política”. “A alcaldesa e o seu equipo decidiron non apostar por un proxecto recoñecido e querido polos veciños, e tamén por outras localidades que o valoraban como un exemplo de integración”, criticaron.
Os socialistas tamén amosaron sorpresa pola postura de Por Viveiro, que “aínda que afirmou estar a favor de continuar con SuperArte, finalmente apoiou á alcaldesa e xustificou a súa cancelación”. Segundo o PSOE, ese grupo alegou que “ao non existir unha asociación que puidese solicitar a subvención autonómica, non tiña sentido seguir adiante”.
“Unha vez máis, vemos a connivencia de Por Viveiro co goberno do Partido Popular, afastándose do que defendía cando estaba na oposición”, engadiron os socialistas.
Para o PSOE, a desaparición de SuperArte supón “un retroceso na visibilidade das persoas con diversidade funcional e na defensa da igualdade de oportunidades”. “SuperArte era moito máis que unha actividade cultural: era un espazo de inclusión real, de convivencia e de sensibilización social. Perder este proxecto non é unha cuestión de cartos, senón de vontade política”, concluíron.
