O PSOE critica a falta de transparencia e contido nos orzamentos de Viveiro para 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro denunciou a forma na que o goberno local levou ao pleno a aprobación dos orzamentos municipais de 2026, considerando o proceso “fóra de prazo, carente de transparencia e impropio dunha institución democrática”. Segundo sinalan, o pleno tivo lugar cando os orzamentos xa se atopaban prorrogados, polo que a súa aprobación carecía de urxencia real, e a convocatoria dunha comisión informativa ás 8.30 horas dificultou o estudo da documentación por parte dos edís.
A sesión celebrouse nunha sala de xuntas claramente insuficiente, sen espazo para toda a Corporación e impedindo a asistencia da veciñanza. Ademais, o pleno apenas se anunciou nas redes sociais municipais unha hora antes e non foi gravado nin retransmitido en directo cos medios técnicos habituais, vulnerando así o principio de publicidade dos actos plenarios. Os socialistas sinalan que existían alternativas viables, como celebrar o pleno no Conservatorio de Música, garantindo espazo e medios axeitados, pero que esta decisión non se adoptou por motivos políticos.
No transcurso da sesión, os socialistas denuncian un deterioro institucional, xa que a alcaldesa pechou a sesión sen permitir réplica, cun ton considerado “faltón e irrespectuoso” e empregando afirmacións falsas. Por todo isto, o PSOE votou en contra dos orzamentos, cuestionando a ausencia de proxectos e investimentos reais, a dependencia de promesas e anuncios vagos, e a utilización de proxectos herdados do goberno anterior.
No plano económico, o orzamento total para 2026 ascende a 15.117.747,46 euros, cun crecemento mínimo do 0,79 %. Mentres os ingresos procedentes de impostos directos e indirectos aumentan lixeiramente, as taxas e prezos públicos caen case un 10 %, con reducións notables na piscina municipal, licenzas e taxas por subministracións. As multas tamén diminúen significativamente, pasando de 223.500 euros en 2025 a 80.000 euros en 2026. Por outro lado, aumentan as transferencias de outras administracións, confirmando a crecente dependencia do Concello de fondos externos.
No capítulo de gastos, os salarios incrementan en 172.944 euros por actualización do IPC, incluíndose un fondo de continxencia de 254.000 euros para atrasos salariais de 2025 a abonar en tres anualidades. Mentres, gastos correntes, enerxía, cultura e deportes presentan reducións, deixando en evidencia a falta de impulso en investimentos e políticas públicas transformadoras.
O PSOE conclúe que estes orzamentos supoñen un retroceso democrático e económico para Viveiro, nun contexto de pouca planificación, opacidade e ausencia de debate real coa veciñanza.