O PSOE alerta dun burato económico de máis de 3,5 millóns de euros no Concello de Xove

AMariñaXa
Os socialistas acusan ao Goberno local de elaborar uns orzamentos irreais e de malgastar o remanente sen acometer melloras estruturais necesarias para o municipio
Xove-PSOE-candidatura
12 Apr 2025

O PSdeG-PSOE de Xove vén de denunciar a delicada situación financeira que atravesa o Concello, tras analizar o peche contable do exercicio 2024, documento que será debatido no próximo pleno municipal. A formación socialista insiste na necesidade de que a cidadanía coñeza con detalle como se están a xestionar os fondos públicos, para que poida sacar as súas propias conclusións.

Segundo advirten, o Goberno municipal puxo en marcha un orzamento que cualifican de “irrealista”, cunha estimación de ingresos e gastos de 8,3 millóns de euros. Porén, os ingresos reais quedaron por baixo dos 5 millóns, mentres que o gasto executado superou os 8,4 millóns. Este desaxuste, afirman, supón un déficit de máis de 3,5 millóns de euros.

O grupo socialista considera que este desequilibrio era previsible, tendo en conta a paralización da actividade de Alcoa, principal motor económico da zona. “O Goberno fixo unha previsión absolutamente ficticia e, para corrixir o erro, tirou do remanente de tesourería”, critican. Ese fondo de reserva pasou de 14,5 a 10,9 millóns de euros. “No canto de investir en proxectos de futuro, está a gastarse para tapar buracos do día a día, sen acometer as reformas que precisa Xove”, denuncian.

Desde o PSdeG-PSOE lembran que o concello viviu décadas de abundancia grazas á chegada da factoría de Alumina-Aluminio nos anos 80, pero critican que esa bonanza “non se soubo aproveitar”. Entre as carencias estruturais máis graves, apuntan ao sistema de abastecemento de auga, que cualifican como “terceiro mundista”. Sinalan que grazas a unha iniciativa socialista encargouse un estudo técnico que estima en máis de 1,3 millóns de euros o investimento necesario para garantir un servizo de calidade, especialmente nos meses de verán, cando hai cortes, e nos días de choiva, cando a auga chega “con cor de barro”.

Tamén denuncian a falta de actuacións nos polígonos industriais, a ausencia de avances en materia de saneamento e residuos, e o abandono da planificación urbanística, destacando que “en vinte anos só se adecentou unha rúa”. A situación da rede viaria, engaden, “é posiblemente a peor da Mariña”.

Sobre os peiraos do Portiño de Morás, os socialistas critican que levan 16 anos prometéndose sen avances reais: “Hai unhas semanas saíu outra foto para a campaña electoral, pero de obras, nada”.

O PSdeG-PSOE conclúe que o peche contable de 2024 “confirma un panorama preocupante” para o futuro do municipio. Citan a reflexión dun veciño como mostra do malestar cidadán: “En Xove non hai ninguén ao volante, isto vai en automático mentres dure Alcoa; despois, será o caos”.

⚙ Configurar cookies
0.16225004196167