O PSOE acusa os senadores do PP de Lugo de “patinar de novo” tras publicarse o estudo de Costas sobre San Bartolo

O senador socialista por Lugo, César Mogo, criticou con dureza as recentes declaracións dos senadores do PP en relación á situación da praia de San Bartolo, en Barreiros. Segundo indicou, o estudo elaborado por Costas do Estado “deixou ao espido o oportunismo que practican a diario os senadores do PP por Lugo”, ao demostrar —afirma— que o Goberno central está a atender “con rigor” os problemas de erosión da costa.
Mogo sinalou que o informe confirma que o Executivo encargado o estudo e puxo enriba da mesa “solucións viables” para recuperar o paseo marítimo, ao tempo que garante a seguridade das persoas usuarias. Fronte a isto, acusou os senadores populares de manter “propostas temerarias” para recuperar accesos que, ao seu xuízo, “non garantirían a integridade física” de quen pretendese baixar á praia. O socialista preguntouse, ademais, “pola razón do empeño” dos representantes do PP en defender eses accesos “sen dispoñer da cualificación técnica mínima para facelo”.
O senador lembrou que o PP “leva meses querendo montar un circo” arredor da regresión costeira, mentres —asegura— tanto o Concello como o Goberno central se centraron en traballar en solucións. Nesa liña, apuntou que o estudo licitado polo Executivo analiza en profundidade o problema que afecta a Barreiros e propón actuacións concretas, entre elas retranquear o paseo marítimo e manter un dos accesos actuais, que será restaurado.
Mogo asegurou que “lles saíu o tiro pola culata”, xa que a proposta técnica “propón exactamente o contrario do que eles viñeron proclamando desde hai case dous anos”. Para el, trátase “dun patinazo máis dos senadores do PP por Lugo”, que se suma —afirma— “á longa lista de meteduras de pata que deixan constancia na Cámara practicamente todas as semanas”.