O PSOE acusa ao PP de falsear información sobre o plan de mobilidade

O PSOE de Foz cargou contra o Partido Popular tras as declaracións do seu voceiro, Javier Castiñeira, que cualificara de “fracaso total” o plan de mobilidade do goberno local. Os socialistas consideran que estas afirmacións son falsas e que só buscan “xerar confusión e danar a imaxe do concello”.
En concreto, o executivo local desmentiu que no cruzamento entre Illa Nova e Concello de Sarria se levantase unha obra recén feita, como denunciaba o PP. “Era unha intervención de urxencia por unha fuga de auga, non unha mostra de mala planificación”, aclararon, incidindo en que reparar con rapidez incidencias deste tipo é a mellor proba de que os servizos municipais funcionan.
Desde o goberno de Fran Cajoto tamén lembraron que o novo ciclo integral da auga traerá máis investimentos en saneamento e infraestruturas modernas, e instaron á oposición a actuar con responsabilidade. “Difundir información falsa é irresponsable e só contribúe a enlamar a vida política. As obras en Foz forman parte dun plan serio de mellora para modernizar os servizos e ofrecer unha maior calidade de vida á veciñanza”, concluíron.