O PSOE acusa ao Goberno local de Xove de estar “paralizado e sen proxecto para o concello”

AMariñaXa
Critican uns orzamentos "sen ambición, a pasividade fronte aos problemas de abastecemento de auga, a exclusión das persoas con mobilidade reducida e o abandono do polígono industrial de Camba"
Xove-PSOE-candidatura
24 Apr 2025

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xove lanzou unha dura crítica ao Goberno local do Partido Popular trala celebración do pleno deste luns, que, segundo denuncian, volveu poñer en evidencia a “parálise absoluta” na que se atopa o executivo municipal. “É un goberno sen ideas, sen propostas e sen proxecto de futuro para Xove”, sentenciaron os socialistas, que acusan ao equipo de Goberno de vivir “de costas ás necesidades reais da veciñanza”.

Un dos principais puntos da orde do día foi a presentación das previsións orzamentarias para o período 2025-2028. Para o PSdeG-PSOE, trátase dunha planificación sen ambición nin rumbo. “Non hai investimentos novos, nin servizos adicionais, nin respostas ás carencias históricas do noso concello. É o mesmo guión repetido durante 17 anos, un copia e pega sen contido político real”, aseguraron.

Tamén denunciaron a inacción fronte á situación do sistema de abastecemento de auga, tras coñecerse unha memoria técnica que detalla os problemas recorrentes e propón solucións concretas. “Non teñen calendario, nin financiamento previsto, nin sequera unha solicitude formal de axuda á Xunta. Mentres tanto, a veciñanza leva décadas sufrindo cortes e auga turbia”, afirmaron.

Outro asunto que centrou o debate foi a accesibilidade. Os socialistas cualificaron de “inadmisible” que se negue a instalación dunha rampla de acceso á pista de pádel argumentando que invadiría a praza, e criticaron que a única opción para as persoas en cadeira de rodas sexa entrar polo ascensor do Concello, controlado por un vixiante. “Non é digno dun municipio que aspire a ser inclusivo”, lamentaron, alertando tamén sobre os perigosos desniveis en beirarrúas e pasos de peóns.

O PSdeG-PSOE amosou tamén o seu apoio á moción sobre o futuro de Alcoa presentada polo BNG. “Estaremos sempre ao lado dos traballadores”, subliñaron, lembrando que foi un goberno socialista o que nacionalizou a empresa en 1982. Criticaron duramente ao PP pola súa “hipocrisía” ao privatizar a planta e bloquear durante dous anos, desde a Xunta e o Concello, a licenza para ampliar o encoro de lodos vermellos, causando perdas millonarias.

Finalmente, os socialistas puxeron o foco na promesa incumprida do polígono industrial de Camba. “Seguimos na mesma situación de sempre. O alcalde di que está cos trámites, pero levamos máis dunha década cos mesmos papeis enriba da mesa e nada se materializa”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.16676902770996