O PSOE acusa á Xunta de discriminar a Foz e esixe unha reunión para solucionar o financiamento da residencia

A vicevoceira segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, esixiulle á conselleira de Política Social, Fabiola García, que reciba con urxencia ao alcalde de Foz, Fran Cajoto, para abordar o traspaso da titularidade e os recursos económicos necesarios para garantir o funcionamento da residencia de maiores e o centro de día da vila.
Méndez denunciou o que cualificou de trato discriminatorio cara aos veciños de Foz, lembrando que a conselleira leva máis dun ano negándose a recibir ao alcalde, malia que este "só busca aliviar a carga económica do Concello e asegurar unha atención digna para os maiores". A deputada fixo un repaso da axenda da conselleira, que nos últimos seis meses tivo tempo para reunirse con 12 alcaldes do Partido Popular, pero non co de Foz.
Durante a súa intervención parlamentaria, Lara Méndez pediu sen éxito que a conselleira reservase “cinco minutos” para Cajoto, quen se desprazou a Santiago xunto coa primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, para presenciar o debate.
Méndez explicou que a xestión da residencia custa 370.000 euros anuais, unha cifra que se suma aos 700.000 euros en políticas sociais que o Concello ten que asumir por competencias que corresponden á Xunta, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar. Unha situación herdada, asegurou, dos compromisos asinados en 2017 polo anterior rexedor do PP, que comprometeron a sustentabilidade das contas locais.
Pola súa banda, o alcalde Fran Cajoto criticou con dureza a actitude da conselleira, que cualificou de "insensible, cruel e soberbia", asegurando que “abandona aos maiores de Foz mentres premia aos concellos afíns”. Subliñou que, mentres outros conselleiros aceptan reunirse con el, Fabiola García leva desde 2022 negándose sistematicamente ao diálogo, un comportamento que, di, “retrata perfectamente o seu perfil político”. Cajoto pediu ao presidente da Xunta que interveña para poñer fin ao boicot institucional que, segundo afirma, está a sufrir Foz.