O PSOE acusa á Xunta de discriminación polo abandono da rampa da Ponte da Misericordia en Viveiro

O PSdeG-PSOE de Viveiro volve denunciar a falta de actuación da Xunta de Galicia ante o grave deterioro da rampla de sillares situada xunto á Ponte da Misericordia, unha infraestrutura que, segundo lembran, leva anos nun estado de risco para viandantes e escolares.
A formación socialista subliña que xa en xaneiro de 2024 a entón concelleira do Partido Popular, María Gueimunde, advertira publicamente de que a rampla “constituía un perigo para os rapaces e escolares que pasan diariamente polas súas inmediacións”. Nesa mesma xornada, no pleno municipal, formulou varias preguntas ao goberno local sobre o expediente, as competencias para o arranxo e a posibilidade de executar obras urxentes.
O concelleiro socialista Jesús Fernández Fernández foi quen respondeu daquela, aclarando as cuestións expostas. Porén, sinalan desde o PSOE, un ano e medio despois pouco mudou a situación e, pese a que desde marzo de 2025 María Gueimunde exerce como alcaldesa, a rampla segue igual ou peor.
Veciños e visitantes transitaron pola zona nos meses de verán e agora, coa volta ás aulas, centos de alumnos e alumnas dos centros Luis Tobío, Vilar Ponte e María Sarmiento pasan a diario polo lugar. “O perigo non só persiste, senón que se agrava co paso do tempo”, advirten os socialistas, que reclaman unha solución inmediata.
Xa en febreiro deste ano, o Heraldo de Vivero publicou un artigo no que se apuntaba directamente a Portos de Galicia como titular da infraestrutura, sinalando que o ente dependente da Consellería do Mar segue sen asumir as súas responsabilidades. O PSOE lembra que o orzamento da Xunta presidida por Alfonso Rueda ascende a 13.954 millóns de euros este 2025, polo que consideran inxustificable a falta de intervención.
“Trátase dunha proba máis do trato discriminatorio que o Partido Popular vén exercendo desde hai anos sobre a veciñanza de Viveiro”, conclúe Jesús Fernández Cal, vice-secretario de organización do PSdeG-PSOE local.