O PSdG-PSOE de Xove denuncia a precariedade da atención sanitaria no municipio

AMariñaXa
O grupo socialista advirte da falta de médicos de cabeceira e de pediatra a tempo completo e reclama solucións inmediatas á Xunta de Galicia
Xove-Rogelia-Mariña-PSOE-mitin
31 Aug 2025

O grupo municipal socialista de Xove volveu poñer o foco na situación crítica do Centro de Saúde da localidade, tras constatar un retroceso preocupante na atención primaria da comarca. Segundo explican, a falta de profesionais médicos, sobre todo despois da xubilación dunha profesional, deixou ao municipio cunha única médica de cabeceira durante varios días, mentres que durante o mes de agosto nin sequera se garante este servizo de forma constante.

En anos anteriores, o centro contaba con tres médicos de cabeceira; actualmente, unha das prazas cúbrese con médicos itinerantes, dificultando a continuidade asistencial e a relación estreita entre paciente e facultativo, considerada esencial polos propios socialistas. Tamén destacan a precariedade do servizo de pediatría, que só está dispoñible tres días á semana e ata as 10:30 horas, compartido con outro concello veciño.

O PSdG-PSOE insta ao Goberno Local a solicitar á Xunta de Galicia a cobertura inmediata das prazas vacantes con dous médicos fixos e a ampliación do servizo de pediatría para que estea dispoñible todos os días da semana en horario completo.

O grupo socialista subliña que a situación ten consecuencias graves. Nos últimos días, un veciño de Sumoas faleceu a causa dun infarto pola demora e falta de atención médica, unha circunstancia que, segundo denuncian, podería repetirse pola carencia de profesionais sanitarios.

O PSdG-PSOE de Xove lamenta o abandono da sanidade na comarca, en especial nos concellos pequenos, e acusa á Xunta de Galicia de precarizar a vida laboral dos sanitarios, provocando o seu traslado a outros lugares e deixando á cidadanía sen asistencia adecuada.

O grupo anuncia que trasladará esta problemática aos seus parlamentarios e continuará a loitar para mellorar os servizos sanitarios no municipio e na comarca da Mariña, enfatizando que Xove, cunha poboación de 3.500 habitantes e cun centro xeriátrico con 150 internos, necesita contar con tres médicos de cabeceira e pediatra a tempo completo.

⚙ Configurar cookies
0.13230800628662