O PSdeG sinala uso fraudulento do centro Pedro Murias de Ribadeo

AMariñaXa
Lara Méndez advertiu de falsidade documental e que "se solicitou para un fin e se utilizou para outro
Imaxe do Centro de Formación Agraria Pedro Murias de Ribadeo
15 Nov 2024

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, levou hoxe á Comisión de Agricultura do Parlamento unha pregunta polo uso fraudulento do centro de formación agraria Pedro Murias de Ribadeo por parte do alcalde. Méndez revelou hoxe que a Xunta autorizou o uso das instalacións o pasado 7 se setembro por parte da asociación de Mozos Gandeiros, que non figura no rexistro da Consellería, pero que en realidade foi utilizado pola Real Banda de Gaitas de Ourense nas festas patronais.

A responsable socialista ironizou sinalando que “aquí entraron uns gandeiros e saíron uns gaiteiros, pero esta vez facendo uso fraudulento das instalacións”, e esixiulle ao Goberno galego que tome medidas como mínimo iniciando un expediente informativo e investigando os feitos. Advertiu: “Solicitouse para un fin e utilizouse para outro”, co agravante de que a asociación non está rexistrada, e “polo tanto ben pode ser un grupo de amigos do alcalde que utilizou como tapadeira”.

Explicou que mentres a Axencia Galega de Calidade Alimentaria autorizaba á dita asociación para utilizar as instalacións do Pedro Murias para unha actividade agraria, o Concello trasladáballe á Deputación de Ourense a escaleta das festas, na que figuraba a chegada da banda de gaitas ao Centro o sábado 7 e un pincho ás dúas da tarde do domingo no mesmo Pedro Murias.

Méndez compartiu a diversificación dos usos das instalacións do centro de formación agraria de Ribadeo, pero advertiu que “aquí estamos a falar de falsidade documental, dunhas instalacións solicitadas para un fin e utilizadas para outro”. Advertiu que “ser alcalde no implica que estea por riba da legalidade”, e alertou da “forma de actuar” do rexedor, que xa acumula dous expedientes abertos “e algunha sanción” por parte da Deputación de Lugo e o Ministerio de Mobilidade.

Preguntoulle á Xunta polos usos que lle están a dar ao centro, que rexistrou apenas 6 accións e 136 horas formativas durante todo un ano, o que evidencia que “teñen un rendemento baixísimo”. Reclamoulle á Consellería do Medio Rural que impulse o uso destas instalacións para reforzar a formación do sector agrario e como un factor importante na remuda xeracional, aproveitando os recursos para organizar por exemplo “colivings” agrarios e ofrecer formacións concentradas.

0.18863487243652