O PSdeG-PSOE reclama transparencia e proxectos propios ao novo goberno de Viveiro tras cen días de xestión

AMariñaXa
María Loureiro lembra que as actuacións en marcha foron impulsadas polo anterior executivo socialista e lamenta o silencio sobre os supostos 6 millóns prometidos
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
21 Jun 2025

Cen días despois da chegada do Partido Popular á alcaldía de Viveiro, a portavoz do PSdeG-PSOE no Concello, María Loureiro, fixo pública unha valoración da nova etapa política local. A exalcaldesa asegura que, malia o curto período de tempo transcorrido, é suficiente para facer “unha reflexión responsable e serena” sobre a dirección que está a tomar o municipio.

Na súa análise, Loureiro critica que o novo equipo de goberno non presentara aínda ningún proxecto novo nin explicara en que consisten os fondos que, segundo xustificaron na moción de censura, ascenderían a seis millóns de euros. “A día de hoxe nada se sabe deses cartos. Só se anunciou un paseo á beira da ría no muelle, pero non hai detalles, nin proxecto concreto, nin información para a veciñanza”, sinala.

A portavoz socialista asegura que os únicos avances perceptibles nestes tres meses correspóndense con iniciativas que quedaron planificadas e financiadas polo goberno anterior. “Paréceme importante dicilo con claridade: están executando proxectos que nós deixamos listos”, afirma.

Entre estas actuacións, Loureiro cita o Mercado Renacentista, a presenza institucional de Viveiro na Feira Internacional da Semana Verde de Silleda, ou o campamento de verán gratuíto para nenos e nenas, pensado para facilitar a conciliación familiar. Tamén se refire ás obras nas piscinas municipais, como a instalación da deshumefectadora ou a renovación do ximnasio, froito dun convenio coa Deputación de Lugo que ela mesma asinou.

Outro exemplo que menciona é a incorporación de Viveiro á Rede de Municipios do Camiño de Santiago a Vela, grazas a un protocolo que se asinou en Xixón. Segundo Loureiro, esta colaboración coa expedición “Navega o Camiño” é unha iniciativa nacida do anterior executivo socialista para dar visibilidade ao Camiño do Mar, unha ruta que se leva promocionando desde hai máis dunha década.

A portavoz tamén lembra que se están rematando obras nas rúas do porto de Celeiro e nas beirarrúas de Magazos, ademais de actuacións previstas dentro do Plan Deputación 2025. “Todas forman parte da nosa planificación anterior”, insiste.

Sobre os retos actuais que afronta o novo goberno local, como cadrar os orzamentos ou manter as subvencións ás entidades culturais e deportivas, Loureiro destaca que son dificultades compartidas. “Nós tamén as sufrimos, e sen contar co apoio da Xunta de Galicia. A pesar diso, buscábamos alternativas, como o convenio extraordinario coa Deputación que permitiu achegar axudas a clubs e asociacións”, engade.

A socialista subliña que o seu comunicado non busca confrontación, senón “unha chamada á honestidade política”. Para Loureiro, gobernar un concello esixe “humildade, coherencia e capacidade de dar continuidade ao que se fai ben”. Asegura que está disposta a colaborar e que desexa que se impulsen novos proxectos beneficiosos para Viveiro. Pero mentres iso non ocorra, considera importante que a veciñanza saiba que os avances dos últimos meses “teñen como base o traballo e o esforzo do anterior equipo de goberno”.

Remata reafirmando o seu compromiso con Viveiro: “Seguirei traballando dende a responsabilidade e sempre co mellor para o municipio como prioridade”.

⚙ Configurar cookies
0.1230800151825