O PSdeG-PSOE propón crear unha praia canina no Vicedo para fomentar o turismo sostible e o benestar animal

AMariñaXa
A voceira socialista Verónica Canoura defende unha iniciativa que busca compatibilizar o lecer na costa co respecto polos animais e a convivencia cidadá
praia-de-xilloi-Vicedo-1
13 May 2025

A portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Vicedo, Verónica Canoura Paz, presentou unha moción no Pleno para a creación dunha praia canina no termo municipal, unha proposta que pretende dar resposta á crecente demanda de espazos nos que as persoas con cans poidan desfrutar do litoral de forma responsable e respectuosa.

Segundo argumenta Canoura, O Vicedo conta cun valioso patrimonio natural e numerosas praias que, ben xestionadas, poderían ofrecer alternativas compatibles co coidado do medio e o uso público. A iniciativa suxire habilitar unha das praias menos concorridas como zona de baño para animais, seguindo o exemplo doutras localidades costeiras galegas e doutras partes do Estado.

O texto da moción recolle catro acordos principais: estudar a zona máis axeitada para este uso, proceder á súa sinalización e difusión, adaptar a ordenanza municipal e integrar esta actuación nas políticas de promoción turística do concello.

Desde o PSdeG-PSOE destacan que a medida permitiría mellorar a convivencia nas praias máis frecuentadas, fomentar o turismo fóra da tempada alta e reforzar a imaxe de O Vicedo como municipio comprometido co benestar animal e a accesibilidade. A moción está pendente de debate e aprobación no Pleno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.16141295433044