O PSdeG-PSOE de Xove denuncia o colapso sanitario e acusa ao PP de incumprir as súas promesas

AMariñaXa
Os socialistas alertan de que o centro de saúde só conta cunha médica titular e consultas demoradas ata vinte días, nun municipio con poboación envellecida e unha residencia con 150 maiores
Xove-PSOE-candidatura
14 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Xove volve poñer o foco no deterioro da atención sanitaria no municipio e acusa ao goberno do Partido Popular de incumprir o compromiso de cubrir a praza médica vacante no centro de saúde durante o mes de outubro.

Segundo sinalan os socialistas, a situación actual é “aínda máis grave ca no verán”, cando o concello quedara practicamente sen asistencia médica. “Agora só hai unha médica titular, e un par de días á semana acode unha residente con contrato de catro horas. É absolutamente insuficiente”, lamentan.

O grupo socialista advirte que esta falta de persoal está a provocar un colapso total nas consultas, con demoras de ata vinte días para conseguir cita e unha atención que deixa fóra a boa parte da poboación. “A doutora fai un esforzo enorme, pero non pode atender urxencias, consultas e visitas a domicilio sen reforzos. O sistema está ao límite e o PP mira para outro lado”, denuncian.

Desde o PSdeG lembran que Xove conta con 3.327 habitantes, dos cales máis de 800 teñen máis de 65 anos, ademais dunha residencia de maiores con 150 internos. “Falamos dun concello envellecido, que necesita unha atención sanitaria estable e continuada”, subliñan.

Os socialistas acusan ao Partido Popular de mentir á veciñanza e de incumprir as promesas realizadas tanto polo alcalde como pola Xunta. “A praza ía cubrirse en outubro, pero non só non se fixo, senón que pretenden deixar Xove cun único médico de familia. É intolerable”, critican.

Engaden que esta situación é consecuencia dun modelo sanitario “que converte a saúde nun negocio” e que “leva anos degradando o sistema público”. “O que ocorre en Xove é o reflexo do que pasa noutros territorios gobernados polo PP: precariedade, listas de espera interminables e persoas que acaban pagando consultas privadas para poder ser atendidas”, apuntan.

“O PP está condenando a Xove á precariedade sanitaria e xogando coa saúde da veciñanza”, advirten desde o grupo municipal, que reclama á Xunta a reposición das tres prazas médicas de familia que lle corresponden ao municipio e un reforzo urxente do persoal sanitario.

O PSdeG-PSOE de Xove conclúe asegurando que continuará denunciando os recortes “que custan vidas” e esixindo á administración autonómica e ao alcalde que asuman as súas responsabilidades. “Xove merece unha sanidade pública digna, estable e de calidade. Non máis parches nin máis promesas incumpridas”, sentencian.

⚙ Configurar cookies
0.068473100662231