O PSdeG-PSOE de Xove denuncia a parálise do Concello e reclama máis transparencia e servizos básicos

O PSdeG-PSOE de Xove manifestou o seu rexeitamento ás últimas declaracións do alcalde, nas que desacredita ao grupo socialista con comentarios despectivos, eludindo dar explicacións sobre os asuntos que afectan de maneira directa á veciñanza. A formación lembra que o seu papel como oposición é exercer unha fiscalización seria e construtiva, propoñendo alternativas e denunciando as deficiencias da xestión municipal.
Desde o grupo socialista insisten en que Xove leva máis de corenta anos gobernado polo Partido Popular, nun contexto de ingresos moi superiores aos doutros concellos da comarca. Porén, esa bonanza económica non se traduciu en melloras reais na calidade de vida da poboación.
Entre as principais eivas que sinalan, destacan a inexistencia dun pavillón polideportivo e dun auditorio municipal, obrigando a desenvolver actividades en espazos improvisados e pouco axeitados. Ademais, denuncian a falta dunha rede de saneamento xeralizada, o que provoca vertidos que afectan ao medio ambiente e ás praias, con consecuencias negativas como a perda de bandeiras azuis.
O PSdeG-PSOE lembra tamén promesas históricas incumpridas, como os pantaláns de Morás, anunciados reiteradamente durante décadas sen que se avanzara nin un só metro. Dous anos despois do inicio da lexislatura, a obra segue sen comezar.
No plano económico, advirten da dependencia de ingresos extraordinarios, como os procedentes de Alcoa, que consideran inestables. Critican que os orzamentos se sustenten en previsións pouco realistas, e que, a pesar do uso de máis de nove millóns de euros do remanente nos últimos dous exercicios, non se produciu unha mellora visible nos servizos públicos.
Acusan ao goberno local de actuar sen planificación, sen rendición de contas e cunha única prioridade: manter a maioría absoluta. Por iso, reivindican a súa proposta como unha alternativa seria, con vocación de servir á cidadanía e con proxectos pensados a longo prazo.
O PSdeG-PSOE de Xove asegura que continuará traballando con rigor desde a oposición, propoñendo medidas realistas e defendendo un modelo de concello baseado na igualdade, a transparencia e o benestar da veciñanza.