O PSdeG-PSOE de Viveiro acusa á alcaldesa de falsear compromisos coa Deputación

O PSdeG-PSOE de Viveiro saíu ao paso das recentes declaracións da alcaldesa Mariña Gueimunde, nas que, segundo denuncian os socialistas, se acusa falsamente á Deputación de Lugo de non cumprir un suposto compromiso financeiro co municipio. A voceira socialista, María Loureiro, aclarou que “nunca existiu unha promesa directa dun millón de euros, como se está a insinuar, senón un acordo político enmarcado na moción de censura, no que se contemplaban actuacións concretas para Viveiro e onde cada parte debía procurar financiamento”.
Loureiro insistiu en que foi a propia Gueimunde quen adquiriu ese compromiso para acceder á Alcaldía, e que agora lle corresponde asumir a súa responsabilidade. “Como da Xunta de Galicia non había resposta nin compromiso, buscouse financiamento na Deputación. Agora pretende presentar ese acordo político como unha promesa incumprida, cando en realidade é a base do pacto que lle permitiu gobernar”, afirmou.
Desde o PSdeG lembran que a colaboración da Deputación con Viveiro é constante e cuantificable. Entre 2025 e 2027, a achega supera os dous millóns de euros, sumando o Plan Único, convenios e actuacións como a mellora da rúa do Porto de Celeiro, as beirarrúas de Magazos, a nova deshumectadora da piscina, a renovación de maquinaria no campo de fútbol, o arranxo do Barrio do Conexo en Covas e a adquisición de equipamentos deportivos. “Máis do 90% das obras que se están executando en Viveiro contan con financiamento da Deputación”, subliñou Loureiro.
A voceira socialista tamén acusou á alcaldesa de “ocultar datos e utilizar discursos victimistas”. Segundo indicou, Mariña Gueimunde acudiu recentemente á Deputación para asinar un convenio sobre a Semana Santa pero evitou falar diso publicamente. “No canto de poñer en valor a cooperación institucional, decidiu repetir un discurso de presión política e reclamar investimentos que xa están en marcha ou que son competencia da Xunta”, denunciou.
Loureiro aproveitou para lembrar que o Conservatorio Profesional de Música é unha competencia da Xunta de Galicia. “Comprometéronse verbalmente a financiar o 30 % do custo anual, pero non houbo achegas nin anuncios oficiais. Se esixe á Deputación, tamén debe esixir con firmeza en Santiago”, dixo.
En relación á situación financeira do Concello, Loureiro rexeitou que exista ningún “burato herdado”. “Non se puido pechar todo o que estaba en marcha pola moción de censura que se executou nun prazo de dez días. Falar de débeda herdada é un intento de eludir responsabilidades”, afirmou. Engadiu que “o goberno socialista deixou proxectos e convenios asinados. Agora toca xestionar con rigor, non lanzar falsas acusacións”.
Tamén criticou as declaracións do deputado popular Demetrio Salgueiro durante o pleno da Deputación, nas que se referiu ao anterior goberno como “un pase de modelos continuo”. O PSdeG cualificou estas palabras de “machistas, ofensivas e impropias dun debate institucional”, e lamentou a falta de desculpas por parte do PP.
A moción presentada polo PP foi finalmente rexeitada pola maioría da corporación provincial. O deputado Pablo Rivera lembrou que Viveiro recibirá case dous millóns de euros da Deputación e acusou ao PP de mentir deliberadamente. “O PP non ten ideas para Viveiro. A súa alcaldesa limítase a dicir ‘amén’ ao que lle marcan desde Santiago”, sentenciou.