O PSdeG-PSOE de O Vicedo lanza unha campaña para recoller propostas veciñais polas parroquias

AMariñaXa
A iniciativa “Escoitámosvos” aposta por un modelo de participación directa, coa veciñanza como protagonista do futuro municipal
PSOE-Vicedo-Casa-do-Pobo-sede
5 Jun 2025

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de O Vicedo vén de poñer en marcha unha nova campaña de participación cidadá baixo o lema “Escoitámosvos”, unha proposta que busca crear espazos de diálogo real coa veciñanza a través dunha serie de encontros abertos nas distintas parroquias do municipio.

A iniciativa quere fomentar a escoita activa e directa, achegando os representantes socialistas ás persoas para recoller inquedanzas, suxestións e propostas sobre o día a día no concello. Desde o grupo municipal sinalan que o obxectivo é claro: “Facer política útil comeza por escoitar. Temos claro que O Vicedo constrúese entre todas e todos, e a nosa prioridade son as persoas, as súas necesidades e os seus proxectos de vida”.

A campaña terá un carácter itinerante, cun calendario de encontros que se anunciará nas vindeiras datas e que incluirá as parroquias de Cabanas, Riobarba, Negradas, Suegos, Mosende, San Román do Val e O Vicedo. Trátase, segundo explican, de achegar a política municipal aos barrios e aldeas, facilitando un contacto directo e horizontal cos representantes do PSdeG-PSOE.

“Queremos romper coas dinámicas de distancia entre institucións e veciñanza. Este é un exercicio de escoita real, porque gobernar ben comeza por entender as realidades concretas das persoas”, sinalan desde a agrupación socialista.

A imaxe da campaña preséntase cun deseño sinxelo, claro e emocional, baixo a mensaxe “O Vicedo somos TOD@S”, coa que o grupo quere reforzar a súa vontade de representar a todas as persoas sen exclusións, independentemente da súa idade, lugar de residencia ou sensibilidades políticas.

Con esta iniciativa, o PSdeG-PSOE reafirma o seu compromiso cunha maneira de facer política baseada na proximidade, na escoita activa e na participación cidadá, recoñecendo que a mellor ferramenta para construír un Vicedo mellor é contar coas ideas e experiencias da súa xente.

⚙ Configurar cookies
0.165118932724