O PSOE do Vicedo celebra a contratación de socorristas, pero di que "chega tarde"

AMariñaXa
Celebran que se publique finalmente a oferta para seis prazas, pero lamentan a escasa difusión, a tardanza e a falta de previsión do goberno local para garantir os servizos mínimos no verán
O-Vicedo-cartel-praia-xilloi
12 Jun 2025

O PSdeG-PSOE do Vicedo manifesta o seu agrado ao publicarse a oferta de emprego para a contratación de 6 socorristas a xornada completa na tempada de verán, pero critica a tardanza e a escasa difusión da convocatoria por parte do Concello de Viveiro, xa que só se publicou na web municipal.

A agrupación socialista lembra que leva tres plenos alertando da necesidade de activar esta contratación, ante o risco de perder un servizo esencial para garantir a seguridade nas praias e manter as bandeiras azuis. Advirten de que o goberno local "volve chegar tarde, deixando uns días de marxe antes do inicio da tempada estival, o que dificulta a captación de persoal cualificado".

Así, din que "non se pode improvisar cando está en xogo a seguridade das persoas e a imaxe de O Vicedo”, sinalan. Nese sentido, consideran incoherente que o executivo municipal presuma de bandeiras azuis cando non garante os requisitos mínimos que estas esixen. “A calidade das praias non se mantén con propaganda, senón con planificación e responsabilidade”, engaden.

Ademais, apuntan a que outros concellos da contorna, como Barreiros, activaron os seus procesos con antelación. Neste caso, a convocatoria publicouse no BOP o 8 de maio, e o prazo de solicitudes estivo aberto do 9 de maio ao 12 de xuño. “Iso si é previsión. En O Vicedo dan só dez días e fan o proceso de selección o 17 de xuño. Así é difícil atraer profesionais”, critican.

Desde o PSdeG-PSOE afirman que, como oposición construtiva, están a dar visibilidade á convocatoria municipal para que se cubran as prazas e se poidan prestar os servizos mínimos este verán. “Sen socorristas non hai praias seguras, nin bandeiras azuis, nin turismo de calidade”, subliñan.

Ademais, o grupo municipal leva tempo denunciando a situación irregular das bandeiras azuis e insistindo na importancia de contar con servizos de socorrismo para garantir praias seguras e con garantías reais. Por iso, animan ás persoas tituladas a presentarse e contribuír a un verán máis seguro no Vicedo.

⚙ Configurar cookies
0.13043212890625