O PSdeG-PSOE de Cervo alerta dunha presunta vulneración dos dereitos de persoas dependentes

AMariñaXa
Os socialistas denuncian que persoal municipal solicitou ás usuarias do SAF renunciar a horas de atención sen garantías
Lujan-Ramos-PSOE-Cervo
3 Feb 2026

O PSdeG-PSOE de Cervo denunciou unha situación que cualifica de “extrema gravidade e absolutamente intolerable” relacionada co Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo explican, o pasado xoves, unha técnica municipal presentouse no domicilio dunha usuaria con dependencia de grao III para solicitar a sinatura dun documento que implicaba a redución voluntaria dunha parte das horas de atención recoñecidas, sen aviso previo. Grazas á intervención dunha familiar, a usuaria evitou perder dereitos fundamentais.

A voceira socialista, María Luján Ramos, asegurou que “estas persoas non teñen capacidade para asinar documentos desta natureza, polo que esta acción é inadmisible e gravísima”. Ademais, alertan de que ese mesmo día se terían producido situacións similares con outras usuarias do municipio, o que xerou gran preocupación entre as familias.

O PSdeG anunciou que esixirá explicacións públicas ao goberno local do PP, trasladará o caso ao Parlamento de Galicia e pedirá no pleno municipal a asunción de responsabilidades políticas e garantías efectivas para a protección das persoas usuarias do SAF. Ramos subliñou que “non se pode xogar cos dereitos das persoas máis vulnerables”.

⚙ Configurar cookies
0.076302051544189