O PSdeG-PSOE da Mariña denuncia a exclusión da comarca no plan de vivenda pública da Xunta

AMariñaXa
Os socialistas reclaman infraestruturas, industria, vivenda e unha sanidade pública forte, e consideran “inxustificable” que ningunha das 4.000 vivendas anunciadas por Rueda estea prevista para a Mariña
PSOE-Comarcal-A-Marina-2025
20 Nov 2025

O PSdeG-PSOE da Mariña reuniuse este mércores no Concello de Ourol na súa xuntanza mensual, un encontro integrado na dinámica de traballo que o partido está a desenvolver pola comarca desde a renovación da Executiva Provincial e o nomeamento de María Loureiro como coordinadora comarcal. Trátase da terceira reunión deste novo ciclo, concibida para que as agrupacións analicen conxuntamente os desafíos que afectan ao territorio.

Durante o encontro, os representantes socialistas coincidiron en sinalar que a Mariña continúa a ser “unha comarca esquecida pola Xunta”, unha situación que —indicaron— “segue traducíndose na perda constante de oportunidades industriais, económicas e sociais”.

A falta de infraestruturas e de vías de comunicación adecuadas volveu situarse como un dos principais déficits a resolver. Desde o PSdeG-PSOE alertan de que esta carencia estrutural está a debilitar o tecido industrial, ao impedir a consolidación de empresas e favorecer a súa marcha por “falta de apoio, planificación e investimento por parte do Goberno galego”.

A sanidade pública tamén ocupou un lugar central no debate. As agrupacións denunciaron as carencias presentes nos centros de saúde da comarca e, de maneira especial, no Hospital da Mariña, onde a falta de profesionais e a perda de servizos —afirmaron— están a repercutir directamente na calidade asistencial.

A Mariña, excluída das 4.000 vivendas públicas anunciadas pola Xunta

A cuestión da vivenda foi o punto máis crítico da reunión. O anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a construción de 4.000 vivendas públicas en Galicia para 2026 xerou unha fonda preocupación ao constatar que ningunha delas está prevista na Mariña, malia tratarse dunha zona cunha demanda crecente e con listas de solicitantes cada vez máis amplas.

Os socialistas cualifican esta exclusión de “incomprensible e profundamente inxusta” e esixen á Xunta que rectifique de inmediato, incorporando a comarca á planificación do próximo bienio. Ademais, piden un diagnóstico rigoroso sobre a demanda real existente e unha colaboración efectiva cos concellos para dispoñer de solo e proxectos que permitan dar resposta ás necesidades da poboación.

Desde o PSdeG-PSOE insisten en que estas medidas deben ir acompañadas dun compromiso sólido coa reactivación industrial e coa mellora das infraestruturas, actuacións que consideran imprescindibles para fixar poboación e garantir o futuro da comarca.

“A Mariña necesita infraestruturas, industria e vivenda, e unha sanidade pública forte. Son piares básicos que a Xunta leva anos ignorando. Non aceptamos que o anuncio das 4.000 vivendas deixe a nosa comarca fóra outra vez. A Mariña tamén merece futuro”, concluíu María Loureiro.

⚙ Configurar cookies
0.070195198059082