O PSdeG-PSOE alerta do deterioro da rede de auga de Xove e esixe renovación urxente

AMariñaXa
A formación denuncia que o servizo chega ás casas turbio e obsoleto, e reclama á Xunta fondos para modernizar unha infraestrutura construída nos anos 90
Auga-Xove-decembro-2025
5 Dec 2025

O PSdeG-PSOE de Xove vén de poñer o foco na grave situación da rede municipal de abastecemento de auga, despois de que nas últimas semanas o líquido chegase ás vivendas “nun estado lamentable, máis próximo a barro que a auga potable”. Para os socialistas, este incidente non é puntual, senón un problema recorrente que se repite cada vez que chove con intensidade.

A formación lembra que a actual rede foi construída nos anos 90 e sinala que o embalse do Turrillón, principal captación do municipio, “ten dimensións mínimas, propias dun muíño antigo máis que dunha infraestrutura moderna”. O resto da rede, incluíndo o bombeo de Rego Sanguento e o depósito de Montevelle, acumula máis de trinta anos sen renovación. Carece de filtros, decantadores e control de turxidez, o que sitúa a traída nun estado “totalmente obsoleto”.

Segundo un estudo técnico solicitado polo PSdeG, modernizar a rede require un investimento de aproximadamente 1,5 millóns de euros. “Non é unha opinión, é un diagnóstico técnico que o alcalde leva anos ignorando”, subliñan. Os socialistas critican a actitude do rexedor, que busca culpar factores externos en vez de asumir responsabilidades, e lembran que leva 18 anos na alcaldía sen impulsar melloras significativas.

O PSdeG insta ao alcalde a deixar “a estratexia de distracción” e a reclamar á Xunta os recursos necesarios, ademais de incorporar nos Orzamentos de 2026 unha partida para a renovación integral da rede. “Xove precisa unha traída moderna, segura e estable, esencial para a saúde e o benestar da veciñanza”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.18208003044128