O PSdeG pide explicacións no pleno sobre a variante e reclama actuacións urxentes na Xunqueira

AMariñaXa
Os socialistas solicitan unha comisión específica do Plan Xeral e a reparación definitiva dun vial afectado por unha rotura de auga
viveiro-camino-fontecoba-area
3 Mar 2026

O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro mércores 4 de marzo, ás 19.30 horas, o pleno ordinario no que o Grupo Municipal Socialista presentará varios rogos centrados en cuestións urbanísticas e de mantemento viario.

En primeiro lugar, os socialistas reclaman información detallada sobre o novo trazado da variante anunciado pola Xunta de Galicia, que reduce substancialmente o investimento previsto inicialmente e modifica o deseño da infraestrutura. Lembran que o proxecto anterior estaba integrado na ordenación estrutural do Plan Xeral por indicación autonómica, polo que consideran imprescindible aclarar como pode afectar este cambio ao documento urbanístico en tramitación. Solicitan, ademais, a convocatoria dunha comisión específica para coñecer o estado do expediente, os informes sectoriais e as posibles consecuencias técnicas ou xurídicas que poidan derivarse.

Por outra banda, o grupo da oposición insta ao goberno local a actuar na zona da Xunqueira. Denuncian que, tras unha rotura de auga rexistrada o pasado verán no camiño de Fontecoba, o firme segue sen repoñerse de maneira definitiva, mantendo só un recheo provisional. Tamén demandan a retirada dos sedimentos acumulados polo río Fontecoba tras os temporais recentes, co fin de evitar riscos ante futuras choivas intensas.

0.11528301239014