O PSdeG pide explicacións á Xunta pola falta de fondos para rematar o polígono industrial da Pontenova

AMariñaXa
As deputadas Lara Méndez e Patricia Iglesias reclaman saber por que desapareceu dos orzamentos de 2025 a partida de máis de 400.000 euros prevista para a súa finalización
lara-mendez-psdeg
5 Nov 2025

As deputadas Lara Méndez López e Patricia Iglesias Rey, pertencentes ao Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, veñen de presentar no Parlamento galego unha pregunta dirixida á Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para coñecer cal é a previsión da Xunta respecto á finalización do polígono industrial da Pontenova. As parlamentarias lembran que o proxecto leva máis de tres décadas de tramitación e que, malia os avances administrativos e o interese empresarial existente, o Goberno autonómico eliminou dos orzamentos de 2025 a partida económica necesaria para culminar as obras.

As socialistas sinalan que no ano 2024 a Xunta destinara máis de 400.000 euros á finalización do polígono, mais esa dotación desapareceu completamente no exercicio seguinte. “Queremos saber cal é o motivo desta supresión e en que punto se atopa o proceso para facer efectiva a ampliación e urbanización do polígono”, expoñen Méndez e Iglesias no documento rexistrado o pasado 2 de outubro.

O proxecto da Pontenova iniciárase en 1992, cando o Concello encomendou á empresa pública Xestur S.A. o desenvolvemento da área industrial. Porén, a negativa da empresa —e da propia Xunta— a executar o plan parcial inicial, debido ao alto custe do solo resultante e ao impacto ambiental, deixou a iniciativa en suspenso durante anos.

En 2015, ambas as partes —Concello e Xestur— chegaron a un acordo para modificar o plan, co fin de legalizar o solo xa urbanizado e simplificar a súa execución. A modificación puntual, aprobada en pleno o 28 de xaneiro de 2016, contemplaba a eliminación das zonas máis complexas e unha pequena ampliación cara a Chousa de Goios, permitindo así dar saída a parcelas xa vendidas e facilitar novos asentamentos empresariais.

Segundo lembran as deputadas, os trámites administrativos están practicamente rematados, incluíndo as fases de expropiación e urbanización, e existen veciños interesados en adquirir parcelas para construír nesa área. “Non hai razóns obxectivas para frear o proceso neste momento”, sinalan, advertindo de que a falta de investimento público podería supoñer “un novo atraso inxustificado que resta oportunidades de emprego e desenvolvemento económico á comarca”.

A través desta iniciativa parlamentaria, Méndez e Iglesias reclaman á Consellería competente que aclare cales son as súas previsións reais para garantir a continuidade e culminación do proxecto. “O polígono da Pontenova é unha demanda histórica, e cómpre vontade política para que deixe de ser un expediente pendente e se converta nun motor económico real”, conclúen as deputadas socialistas.

⚙ Configurar cookies
0.074654102325439