O PsdeG O Vicedo solicita información sobre proxectos municipais pendentes
No último Pleno municipal, o PsdeG O Vicedo interesouse polas futuras actuacións do Concello, manifestando a súa preocupación pola falta de previsión a comezos de ano e coa aprobación dos orzamentos de 2025 aínda pendente. Ante a cuestión, o alcalde limitouse a responder: “Aínda non sabemos, depende…”.
Así mesmo, preguntouse pola instalación de fibra óptica na parroquia de San Román, a única do municipio que aínda non conta cun proxecto de implantación. En resposta, o rexedor afirmou non ter "ningunha resposta oficial" ao respecto.
Outro dos temas abordados foron as obras das paradas de autobús en Espiño e San Román, iniciadas hai varios meses. Preguntado sobre a súa finalización, o alcalde declarou descoñecer a data exacta, xa que "aínda non fixeran as marquesiñas".
Tamén se puxo sobre a mesa a situación do esperado Centro de Día, que continúa pechado a pesar dos reiterados anuncios da súa próxima apertura. Do mesmo xeito, abordouse o estado do acceso ao Fuciño do Porco, un importante atractivo turístico recentemente promocionado en FITUR, pero que permanece restrinxido dende hai dous anos debido ao perigo de derrubes.
O PsdeG O Vicedo solicitou información sobre os desperfectos na recentemente renovada pista de pádel, preguntando quen será o responsable dos arranxos. Ademais, instouse á reparación das deficiencias no campo de fútbol de Boavista, que seguen pendentes de solución.
Noutra orde de asuntos, demandouse o arranxo e ampliación das pontes situadas sobre o apeadoiro do tren e en Valdesuso, así como a limpeza das beirarrúas nas rúas Rosalía de Castro e Folgueiro.
Por último, solicitouse que nos orzamentos deste ano se contemple unha partida específica para a instalación dun bambán adaptado, unha petición realizada pola directora en reunións celebradas en maio e setembro do ano pasado. Igualmente, fíxose un chamamento a mellorar a limpeza nos exteriores do colexio, especialmente nas áreas do campo de fútbol, pavillón e zonas axardinadas, incluíndo a poda de árbores e a eliminación de silvas.