O PSdeG logra aprobar a mellora da sinalización nas parroquias fronte á inacción do goberno

AMariñaXa
A moción evidencia a necesidade de facilitar o acceso a vivendas e servizos básicos, mentres permanecen sen resolver problemas de seguridade viaria, mantemento e xestión de recursos
_PSdeG-O-Vicedo---Pleno-2026
26 Mar 2026

O Grupo Municipal Socialista conseguiu sacar adiante no pleno do 25 de marzo unha moción para mellorar a sinalización das parroquias, unha reivindicación histórica da veciñanza recollida nas reunións mantidas nos distintos núcleos. A proposta poñía de manifesto a realidade evidente de que a falta de indicacións continúa dificultando a localización de vivendas, o acceso a servizos básicos e o desenvolvemento ordenado do territorio.

A moción foi aprobada, aínda que emendada polo alcalde, nunha práctica habitual na que o goberno modifica as propostas da oposición sen asumir directamente as necesidades reais da cidadanía.

Durante o pleno, o PSdeG trasladou diferentes rogos centrados en problemas do día a día: arranxo da LU-862 nun tramo con deficiencias que comprometen a seguridade viaria; recollida de plásticos agrícolas; mantemento das pasarelas de madeira en mal estado; e renovación de elementos deteriorados no Parque do Porto.

Ademais, formularon preguntas sobre o mantemento de fontes e lavadoiros, a falta de contedores en Criximil, o estado das pistas municipais tras a saca de madeira, a situación do centro de día e a resposta de ADIF sobre as pontes ferroviarias.

Desde o PSdeG resaltaron que “este pleno volve poñer de manifesto unha realidade: é a oposición a que marca a axenda dos problemas reais, obrigando ao goberno a actuar”. Concluíron que “seguiremos traballando con responsabilidade e firmeza para trasladar ao pleno as demandas da veciñanza e conseguir solucións reais para todas as parroquias”.

0.11879515647888