O PSdeG leva ao pleno de Xove preguntas e rogos para reclamar investimentos e solucións pendentes

AMariñaXa
Os socialistas denuncian anos de anuncios sen resultados e piden aclaracións sobre infraestruturas, servizos básicos e seguridade viaria
Xove-PSOE-candidatura
7 Feb 2026

O Grupo Municipal Socialista de Xove anunciará no pleno ordinario do vindeiro luns unha batería de preguntas e tres rogos coa intención de forzar respostas do goberno local do Partido Popular, ao que acusa de falta de acción e de non materializar compromisos anunciados reiteradamente polo alcalde, Demetrio Salgueiro. Desde o PSdeG consideran que a veciñanza continúa sen ver avances reais en cuestións clave para o desenvolvemento do municipio.

Entre os asuntos que os socialistas levarán ao debate plenario figura a achega prevista da Xunta de Galicia ao longo do ano 2026 para actuacións estratéxicas como a ampliación do Polígono Industrial, a instalación de pantaláns, a mellora da zona de atraque do Portiño de Morás ou a renovación da rede de abastecemento de auga. Sobre este último servizo, o PSdeG lembra que segue rexistrando deficiencias graves, con episodios nos que a auga chega ás vivendas en condicións que cualifican de “lamentables e impropias do século XXI”.

O Grupo Municipal tamén reclamará explicacións sobre os compromisos da Xunta en ámbitos que consideran fundamentais para a vida diaria da poboación, como o Servizo de Axuda no Fogar, o funcionamento do comedor escolar ou o mantemento dos centros educativos. Do mesmo xeito, preguntarán pola falta de avances na dotación de infraestruturas deportivas axeitadas, poñendo o foco na necesidade dun pavillón polideportivo e multiusos que responda ás demandas actuais de Xove, fronte ás limitacións dunha instalación concibida hai décadas para outros usos.

No apartado de rogos, os socialistas instarán ao goberno local a actuar de maneira urxente na reparación e ampliación dunha ponte situada na estrada que comunica o cruce de Lago co burgo de Vila, unha infraestrutura que presenta afundimentos, unha anchura insuficiente e acumulación de auga en días de choiva, o que supón un risco evidente para a circulación.

Ademais, pedirán a elaboración dun inventario das estradas locais que permita establecer criterios técnicos e unha planificación clara para o seu mantemento, fronte ao que consideran unha xestión carente de orde e previsión. Por último, solicitarán o asfaltado dun pequeno tramo, duns oito metros cadrados, no acceso á vivenda dun veciño de Lago, unha actuación sinxela que, ao seu xuízo, debería resolverse sen demora.

Desde o PSdeG de Xove aseguran que, fronte a un goberno local centrado no anuncio permanente, continúan exercendo unha oposición activa e responsable, levando ao pleno iniciativas concretas baseadas nos problemas reais que lles traslada a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.081651926040649