O PSdeG leva ao Parlamento a paralización da VAC-Norte e esixe á Xunta que rectifique

O PSdeG-PSOE rexistrou no Parlamento de Galicia unha pregunta oral para o seu debate en pleno na que insta á Xunta de Galicia a aclarar se pensa retomar o proxecto da Vía de Alta Capacidade VAC-Norte en Viveiro. A iniciativa está asinada pola deputada Lara Méndez López e polos deputados Carlos López Font e Aitor Bouza Manso.
Os parlamentarios socialistas lembran que Viveiro e o conxunto da comarca da Mariña levan anos reclamando unha solución estrutural aos problemas de tráfico e comunicacións. A VAC-Norte fora presentada pola propia Xunta como unha infraestrutura estratéxica destinada a mellorar a seguridade viaria, aliviar a circulación e impulsar a competitividade económica do norte galego.
A vía chegou a incorporarse ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Viveiro por esixencia do Executivo autonómico, condicionando durante máis dunha década o desenvolvemento urbanístico do municipio. Segundo sinalan os socialistas, o Concello aceptou esta inclusión coa expectativa de que o proxecto se materializase.
Porén, o recente anuncio do presidente autonómico sobre a substitución da VAC-Norte por unha variante convencional supón, ao seu xuízo, unha rebaixa substancial das expectativas xeradas. Consideran que a alternativa proposta non dá resposta aos problemas actuais de acceso ao casco urbano nin garante unha solución duradeira ante o incremento do tráfico.
O PSdeG cualifica a decisión de “paso atrás” para Viveiro e A Mariña e demanda que se recupere unha planificación ambiciosa que asegure unha infraestrutura acorde ás necesidades presentes e futuras do territorio. A pregunta rexistrada busca coñecer se a Xunta reconsiderará a súa postura e apostará novamente pola vía de alta capacidade como eixo estratéxico para a mobilidade e o desenvolvemento económico da comarca.