O PSdeG esixe á Xunta cubrir todas as prazas do centro de saúde de Trabada

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, reclamoulle á Xunta de Galicia que cubra de maneira inmediata todas as prazas de persoal do centro de saúde de Trabada, que desde hai tres anos funciona cun único médico, tras a xubilación do segundo facultativo sen que fose substituído.
Segundo expuxo a deputada socialista no pleno da Cámara autonómica, esta situación obrigou ao profesional en activo a asumir toda a carga asistencial, cun elevado nivel de estrés laboral, malia tratarse dunha circunstancia “totalmente previsible”. Méndez criticou que o Goberno galego non actuase para garantir unha atención sanitaria adecuada á poboación do municipio.
A parlamentaria do PSdeG denunciou que a falta de persoal está a provocar o que definiu como unha “nova viaxe da dor” para os pacientes, xa que en períodos de vacacións ou ante baixas médicas, as persoas que acoden ao centro de saúde son derivadas a Ribadeo, cun desprazamento de arredor de media hora. En determinados casos, explicou, a atención tampouco pode prestarse alí, polo que os pacientes deben continuar ata o hospital de Burela, sumando outro traxecto similar.
Méndez advertiu de que a situación resulta especialmente preocupante tendo en conta que en Trabada existe unha residencia de maiores con 39 usuarios e usuarias que precisan atención sanitaria no propio centro de saúde. Ademais, destacou que unha parte moi significativa da poboación do concello supera os 65 anos, o que incrementa a demanda de atención médica, de enfermaría e de servizos a domicilio.
A deputada socialista lembrou tamén que a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña leva tempo alertando desta realidade e mobilizándose para reclamar uns servizos sanitarios dignos en Trabada, insistindo na necesidade de contar con dúas prazas de medicina de familia cubertas a diario e durante toda a xornada laboral.