O PSdeG do Vicedo retoma en marzo a iniciativa “Escoitámosvos” para percorrer as parroquias

O PSdeG do Vicedo volverá poñer en marcha ao longo do mes de marzo a iniciativa “Escoitámosvos”, un proxecto de participación cidadá co que a agrupación pretende manter un contacto directo e constante coa veciñanza das distintas parroquias do concello.
A proposta xurdiu coa intención de achegar a política municipal ao día a día da cidadanía, escoitando de primeira man as súas preocupacións, demandas e suxestións. Desde o grupo socialista defenden que a acción política debe asentarse no diálogo permanente, na transparencia e na presenza activa sobre o terreo, coñecendo de preto a realidade de cada núcleo.
Na primeira rolda de encontros, desenvolvida nos últimos meses, abordáronse cuestións vinculadas aos servizos públicos, ao estado das infraestruturas, á limpeza e conservación dos espazos comúns, á seguridade viaria e a outras necesidades específicas detectadas en cada parroquia. As achegas recompiladas nesas reunións permitiron trasladar ao Pleno municipal diferentes propostas e iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida no municipio.
Con esta segunda fase, que se estenderá ao longo de marzo, o PSdeG do Vicedo reafirma a súa vontade de exercer unha oposición útil e construtiva, centrada nas persoas e nas solucións concretas. A agrupación anima a toda a veciñanza a participar activamente nos encontros, lembrando que “escoitar é o primeiro paso para mellorar”.