O PSdeG do Vicedo reclama estabilidade sanitaria tras reunirse coa dirección da Área Sanitaria

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo mantivo este xoves un encontro cos principais responsables da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para abordar a continuidade e estabilidade da atención médica no concello, unha das principais inquedanzas detectadas durante as sesións participativas organizadas recentemente polo grupo baixo o lema Escoitámosvos.
Desde a formación explican que, ao rematar esta primeira rolda de encontros coa veciñanza, unha das demandas máis reiteradas foi precisamente a falta de continuidade no cadro médico. “A cidadanía está preocupada pola ausencia de estabilidade no servizo sanitario, e nós non dubidamos en chamar ás portas necesarias para atopar respostas”, subliñan desde o PSdeG. “Mentres o alcalde parece centrado unicamente no verán, nós estamos volcados co benestar do Vicedo durante todo o ano”, engadiron.
Na reunión participaron Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria; Fernando José Fernández Lamelo, director asistencial; e Jonathan Benxamín Grandío Gómez, director de atención primaria. Segundo transmitiron aos representantes socialistas, a situación sanitaria no Vicedo atópase actualmente nun momento de calma, logo dunha etapa máis problemática en meses anteriores.
Porén, desde o grupo socialista reiteraron a necesidade de adoptar solucións duradeiras que garantan a cobertura médica no municipio a longo prazo. “Insistimos en que se traballe para facer do noso concello un lugar atractivo para o persoal sanitario, con medidas que garantan estabilidade no tempo”, indicaron.
A agrupación quixo remarcar tamén o seu compromiso dual: “Esta reunión demostra que se pode estar ao carón da veciñanza nas mobilizacións e, ao mesmo tempo, actuar con diálogo e responsabilidade institucional como representantes públicos”.