O PSdeG do Vicedo pide ao Concello medidas urxentes para previr incendios forestais

AMariñaXa
A formación socialista levará ao pleno unha moción para actuar sobre parcelas sen limpar próximas ás vivendas e activar, se for preciso, a xestión subsidiaria a través de SEAGA
PSOE-Vicedo-Casa-do-Pobo-sede
15 Jul 2025

O PSdeG-PSOE do Vicedo presentará no próximo pleno municipal unha moción centrada na loita contra os incendios forestais, co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e protexer os núcleos habitados. A iniciativa propón intervir nas parcelas sen limpar que se atopan nas inmediacións de vivendas e poboados, instando ao Concello a notificar as obrigas legais ás persoas propietarias, establecer prazos claros e, de ser necesario, activar a xestión subsidiaria mediante o convenio vixente con SEAGA.

Desde o grupo socialista explican que a proposta xorde como resposta ás numerosas queixas veciñais polo abandono de fincas próximas ás vivendas. “A acumulación de maleza e vexetación en moitas destas parcelas está xerando unha alarma crecente entre os veciños, especialmente agora no verán, cando o risco de incendio é maior”, sinalan.

O PSdeG recalca a importancia de actuar con previsión e contundencia. “Non podemos agardar a que se produza unha emerxencia para intervir. É necesario anticiparse e garantir que se cumpren as medidas de prevención”, indican.

A moción lembra que a normativa galega obriga a manter limpas as parcelas situadas a menos de 50 metros de calquera vivenda, instalación ou núcleo de poboación, e fixa como data límite para realizar estas limpezas o 31 de maio. “Esta non é unha recomendación, é unha obriga legal que debe aplicarse con rigor. O Concello non pode mirar para outro lado”, subliñan os socialistas.

Dentro da proposta inclúese o envío de notificacións formais ás persoas propietarias das parcelas, advertindo das súas responsabilidades e das posibles sancións en caso de incumprimento. “Se non hai limpeza, ten que haber consecuencias. A prevención non pode depender da vontade individual”, remarcan.

Así mesmo, os socialistas piden que, unha vez esgotado o prazo legal sen terse efectuado a limpeza, o Concello active o mecanismo previsto no convenio con SEAGA –ao que o municipio está adherido desde 2019– para proceder á limpeza de xeito subsidiario e repercutir os custos ás persoas responsables.

A moción tamén contempla a posta en marcha de campañas anuais de información e concienciación dirixidas á cidadanía, co obxectivo de fomentar o cumprimento das obrigas legais e sensibilizar sobre a importancia da prevención. “É fundamental implicar á veciñanza e facerlle entender que manter limpas as parcelas é unha cuestión de seguridade colectiva”, conclúen desde o PSdeG.

⚙ Configurar cookies
0.12495017051697