O PSdeG do Vicedo esixe solucións urxentes para o parque cuberto

AMariñaXa
Denuncian o estado do parque cuberto e solicitan accións en diversas áreas municipais
vicedo-deficiencias-parque-PSOE-2025
28 Mar 2025

No pleno municipal celebrado o 26 de marzo, o PSdeG do Vicedo volveu alertar sobre o deterioro do parque cuberto, reclamando unha intervención inmediata para garantir a seguridade da cidadanía. A instalación presenta graves deficiencias, como varandas soltas, fendas na madeira e filtracións de auga, xerando un risco especialmente para a infancia, principal usuaria do espazo.

"Este parque debería ser un lugar seguro e agradable para a veciñanza, pero a realidade é que se atopa nun estado lamentable. Requirimos unha acción inmediata por parte do Concello para evitar posibles accidentes", manifestaron os representantes do PSdeG.

Ademais, o grupo socialista interesouse pola evolución do proxecto de mellora do Fuciño do Porco, solicitando claridade sobre o financiamento e o estado da tramitación.

Outras reivindicacións expostas na sesión incluíron a reposición das papeleiras retiradas do centro urbano, a mellora do acceso ao Punto de Atención á Infancia (PAI) mediante a creación dunha zona de estacionamento e a reparación das varandas da estrada xeral, cuxo estado actual representa un perigo. Tamén se reclamou información sobre o plan de conservación das instalacións deportivas municipais para evitar a súa degradación progresiva.

No apartado de preguntas, o PSdeG pediu explicacións polos atrasos na implantación da fibra óptica en San Román, a situación dos inmobles en estado ruinoso, a reparación das pontes do FEVE e a falta de accións para a restauración de fontes e lavadoiros municipais.

Desde o PSdeG do Vicedo manifestaron o seu compromiso de continuar esixindo solucións e medidas concretas que garantan espazos seguros, a conservación do patrimonio e servizos de calidade para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.11454796791077