O PSdeG do Vicedo critica a suba das taxas do lixo e denuncia deficiencias na xestión do servizo

O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Vicedo amosou publicamente o seu rexeitamento á proposta do goberno local de incrementar nun 30% as taxas do servizo de recollida de lixo, despois de dezaoito anos sen modificacións. Consideran que se trata dunha medida precipitada e que responde a unha mala xestión acumulada ao longo dos anos, que derivou nun déficit superior aos 117.000 euros.
“Non se poden pagar máis impostos por recibir o mesmo servizo”, afirman desde a formación socialista, que insiste na necesidade de aplicar unha suba progresiva e non un incremento tan abrupto, co fin de facilitar que os veciños e veciñas poidan adaptarse sen un impacto económico excesivo.
Ademais da cuestión económica, desde o PSdeG tamén critican o estado dos contedores, moitos deles sen ancorar e con evidentes deficiencias de limpeza, especialmente nas parroquias. Segundo denuncian, mentres no verán se realizan tarefas de mantemento no casco urbano, nas zonas rurais os colectores non se limpan nunca, o que xera malos olores, acumulación de residuos e unha imaxe negativa do municipio.
A situación complétase cunha falta de limpeza nas beirarrúas e espazos públicos, que, ao seu ver, contribúe a unha percepción de abandono e desleixo. Por iso, reclaman ao goberno local que tome medidas urxentes para mellorar o servizo, tanto no que respecta á recollida do lixo como ao mantemento dos espazos comúns.
“O Vicedo merece unha xestión máis eficiente e equilibrada, que teña en conta todas as parroquias e que non castigue a veciñanza cunha suba repentina de impostos sen ofrecer un servizo acorde”, conclúen desde o PSdeG, que se compromete a seguir vixiando e reclamando unha mellora na xestión municipal.