O PSdeG do Vicedo critica a “improvisación” do goberno local na prevención de incendios

AMariñaXa
Os socialistas denuncian que as notificacións para a limpeza de parcelas chegan en pleno agosto, con prazos de só 15 días e inspeccións feitas en 2024
Vernocia PSOE-vicedo
22 Aug 2025

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo acusa ao executivo local de actuar “tarde e mal” na xestión da prevención de lumes forestais. A formación critica que se enviaran notificacións ás persoas propietarias de terreos no mes de agosto, cun prazo de apenas 15 días naturais para acometer a limpeza e baseándose en inspeccións realizadas xa en outubro de 2024.

Segundo lembran os socialistas, o pasado 14 de xullo presentaron unha moción para garantir a limpeza de parcelas próximas a vivendas e nas faixas secundarias de biomasa. A proposta incluía establecer prazos claros, campañas de concienciación e un marco estable de actuación. Porén, a iniciativa foi rexeitada polo goberno local na sesión plenaria do 30 de xullo.

A mediados de agosto chegaron as cartas certificadas, asinadas polo alcalde, e poucos días despois, o 21 de agosto, o rexedor apareceu na prensa anunciando a esixencia de limpeza en 850 parcelas, das que 625 carecen de propietario identificado.

Desde o PSdeG consideran que esta forma de actuar non responde a unha estratexia de prevención senón a “unha improvisación constante”. Recordan que a normativa autonómica fixa como data límite o 31 de maio para ter as parcelas limpas, polo que enviar comunicacións en pleno verán “non evita os riscos, senón que mesmo pode incrementalos, dado que os traballos nestes meses coinciden cos índices máis altos de perigo de incendios (IRDI)”.

Os socialistas tamén subliñan a falta de medios, lembrando que a motobomba municipal segue sen estar operativa “cando máis necesaria resulta como recurso de resposta inmediata ante un lume”.

A moción presentada polo PSdeG incluía catro medidas principais: notificar con antelación e claridade ás persoas propietarias as súas obrigas; respectar os prazos fixados pola normativa autonómica; activar o convenio entre SEAGA, Xunta, FEGAMP e concellos para executar as limpezas subsidiarias; e desenvolver campañas anuais de sensibilización con charlas e materiais prácticos.

“O que non se pode facer é gobernar a golpe de improvisación e de titulares de prensa”, conclúen os socialistas, que reclaman ao goberno municipal “asumir responsabilidades e garantir unha auténtica prevención durante todo o ano”.

⚙ Configurar cookies
0.13799905776978