O PSdeG do Vicedo conclúe a primeira fase de Escoitámosvos con encontros veciñais en seis parroquias

AMariñaXa
A iniciativa, centrada na escoita activa e na recollida de propostas cidadás, pecharase cunha reunión final o 27 de xullo na Casa do Pobo
PSOE-Vicedo-Casa-do-Pobo-sede
22 Jul 2025

O PSdeG-PSOE do Vicedo vén de facer balance da primeira etapa da súa campaña Escoitámosvos, unha proposta de participación aberta coa que busca establecer un diálogo directo coa veciñanza e recoller as súas achegas para mellorar a acción política local.

Durante as últimas semanas, representantes da agrupación socialista percorreron as parroquias de Mosende, San Román do Val, Riobarba, Cabanas, Suegos e Negradas, mantendo encontros presenciais cun bo número de veciños e veciñas. A finalidade destes encontros era coñecer de primeira man as súas preocupacións, demandas e ideas sobre o funcionamento do concello e a realidade do día a día en cada núcleo.

Nun ambiente que cualificaron de “próximo e construtivo”, o grupo local recolleu múltiples propostas e observacións que están a ser analizadas con detalle. Segundo avanzan, moitas destas achegas serán elevadas aos vindeiros plenos municipais ou ben derivadas ás administracións competentes, en función da súa natureza. “Gobernar para todos tamén implica saber escoitar a todos”, sinalan dende o partido.

A derradeira reunión desta primeira fase da campaña terá lugar o domingo 27 de xullo ás 18.30 horas na Casa do Pobo do Vicedo. Este encontro servirá para facer balance do proceso, compartir conclusións e seguir fortalecendo un proxecto político “construído desde abaixo, coa participación activa da cidadanía”.

Desde o PSdeG-PSOE do Vicedo aseguran que esta campaña non é un feito illado, senón parte dunha maneira de entender a política “centrada nas persoas, na proximidade e na escoita constante”. “Seguiremos traballando con humildade, constancia e compromiso”, indican, ao tempo que reafirman que a súa tarefa diaria seguirá marcada por este enfoque: “escoitar, propoñer e actuar”.

⚙ Configurar cookies
0.19785189628601