O PSdeG do Vicedo apoia a denominación do pavillón municipal e insiste na transparencia dos plenos

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello do Vicedo participou no pleno ordinario celebrado o mércores 28 de xaneiro, unha sesión que se iniciou coa proposta do equipo de goberno para denominar o pavillón municipal como “Jesús Bellas Kubala”. Trátase dunha iniciativa que contou co apoio unánime da corporación e que os socialistas valoraron de maneira moi positiva, ao entender que supón un recoñecemento merecido a unha figura ligada ao deporte local e que quedará como legado para as vindeiras xeracións.
Desde o PSdeG subliñaron a súa satisfacción por formar parte dun acordo que consideran xusto e simbólico, ao poñer en valor a traxectoria deportiva e humana dunha persoa referente para o municipio, nun espazo público de uso diario para a veciñanza.
Xa no desenvolvemento do pleno, o grupo socialista volveu defender a súa moción para a gravación e difusión dos plenos municipais, unha proposta que consideran básica para avanzar en transparencia e participación cidadá. Porén, a iniciativa foi novamente rexeitada polo equipo de goberno, malia tratarse dunha medida sinxela, asumible e xa implantada con normalidade noutros concellos da contorna.
O PSdeG do Vicedo aproveitou tamén a sesión para formular unha serie de rogos e preguntas centradas na necesidade de contar cunha planificación municipal real para o ano 2026, máis alá de actuacións illadas. Nese sentido, reclamaron melloras nos servizos básicos, investimentos en saneamento e actuacións urxentes en materia de seguridade viaria, especialmente na zona do Cacheiro.
Ademais, os socialistas solicitaron reforzar os recursos destinados á atención de nenos e nenas con necesidades específicas, actualizar a páxina web municipal e revisar e reparar elementos urbanos en mal estado que poden supoñer un risco para a seguridade da veciñanza.
Desde o PSdeG-PSOE do Vicedo reiteraron o seu compromiso cunha xestión municipal responsable, planificada e transparente, defendendo un concello aberto, accesible e centrado nas necesidades reais da cidadanía.