O PSdeG do Vicedo acusa ao goberno local de bloqueo e falta de diálogo

AMariñaXa
Os socialistas denuncian o rexeitamento sistemático das súas mocións sobre servizos básicos como o saneamento ou a prevención de incendios
PSOE-Vicedo-Casa-do-Pobo-sede
31 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo critica con dureza a actitude do executivo local, ao que acusa de “autoritarismo” e de “dar as costas ás necesidades reais da veciñanza”. Así o manifestaron tras o pleno ordinario celebrado este mércores, no que todas as mocións presentadas polo PSdeG foron rexeitadas ou directamente excluídas da orde do día.

As propostas socialistas centrábanse en cuestións clave como a prevención de incendios, o mantemento das infraestruturas públicas, o estado do saneamento nas parroquias e a atención ao benestar animal. A voceira Verónica Canoura foi a encargada de defender unhas iniciativas que, segundo indicou, “recollen peticións concretas recollidas na campaña Escoitámosvos, coa que levamos meses escoitando e tomando nota das demandas dos nosos veciños e veciñas”.

Un dos temas abordados foi a proposta para habilitar unha praia canina, unha iniciativa xa presentada no pleno anterior e que fora deixada “sobre a mesa” polo PP co argumento de estudar mellor a súa viabilidade. Con todo, nesta ocasión, a moción foi rexeitada polo alcalde, alegando que a ordenanza municipal xa regula o acceso de cans ás praias e que “a solución está na praia de Fomento”. A resposta, segundo Canoura, incumpre claramente a normativa vixente no BOP de 2015, onde se especifica a obrigatoriedade de delimitar espazos concretos para animais.

Ante a negativa, a voceira solicitou polo menos a instalación de sinalización informativa, proposta que tamén foi rexeitada. “Se hai unha ordenanza, cúmpraa. E se non se aproba a nosa moción, como mínimo sinalicen para que a xente saiba a que aterse”, reclamou Canoura, criticando a “incoherencia” do alcalde por manter a iniciativa parada durante semanas para logo descartala sen alternativa.

Outro dos puntos debatidos foi a limpeza de parcelas e a xestión da biomasa nas proximidades das vivendas, medida orientada a reducir o risco de incendios forestais. A moción foi igualmente rexeitada, malia que, segundo os socialistas, xa solicitaran formalmente o plan municipal de prevención de incendios o pasado 14 de xullo sen recibir resposta algunha. “Non tivemos acceso ao documento, nin dixitalmente nin no propio pleno. Dúbida cabe se ese plan existe realmente”, apuntaron.

En canto á mellora do saneamento nas parroquias máis afectadas, a moción foi excluída da orde do día sen xustificación válida, a pesar de estar rexistrada en prazo. A resposta do alcalde, segundo o PSdeG, foi que “se puido esperar ata agora, pode agardar dous meses máis”, algo que os socialistas consideran inadmisible: “Non estamos falando de caprichos, senón de saúde pública e de dereitos básicos”.

A agrupación lembra que todas estas propostas teñen detrás a voz directa da veciñanza. “Votar en contra destas mocións é rexeitar as preocupacións dos veciños e veciñas. Non se trata de dicir que non ao PSdeG, senón de poñer paus nas rodas das súas propias demandas”, sinalan.

Outros asuntos levados ao pleno foron a reparación de beirarrúas en mal estado (como as de Rosalía de Castro ou Folgueiro), a mellora da sinalización viaria nas parroquias, a instalación de papeleiras e baños públicos en espazos como a Praia de Xilloi ou a Casa da Cultura, e o impulso a rutas de sendeirismo ou ao Camiño do Mar. Tamén se propuxo estudar a creación dunha pista multideporte nunha zona céntrica.

Durante a quenda de preguntas, o grupo socialista solicitou información sobre cuestións diversas, como o estado da iluminación pública conectada a vivendas privadas, o mantemento das estruturas de madeira nas praias, a planificación do alumeado público, os desperfectos na pista de pádel de Folgueiro ou o estado das antigas escolas de San Román do Val, Riobarba e Folgueiro. Tamén preguntaron polos proxectos de rede de saneamento pendentes desde 2001, a situación do centro de día, o uso das instalacións municipais durante o Resurrection Fest, ou a coordinación ambiental cos concellos veciños.

Finalmente, o PSdeG denuncia que o pleno se desenvolveu nun clima tenso, onde —aseguran— “non se respectaron as quendas nin os tempos de intervención das concelleiras socialistas”, dificultando o seu labor como representantes públicos.

Malia todo, a formación comprométese a seguir presentando propostas e a manter un traballo “baseado na responsabilidade, a escoita activa e a transparencia”. “Non imos deixar de representar con dignidade ás persoas que confiaron en nós. Seguiremos traballando con propostas reais para mellorar O Vicedo”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.11860704421997