O PSdeG do Vicedo acusa ao alcalde de improvisación e falta de transparencia

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo criticou con dureza a actitude do alcalde no pleno ordinario celebrado este mércores, asegurando que unha vez máis quedou patente a súa preferencia pola improvisación fronte á planificación e a súa negativa a aceptar iniciativas construtivas destinadas a mellorar os servizos municipais e a transparencia do Concello.
Durante a sesión, os socialistas presentaron dúas mocións que foron rexeitadas polo rexedor. A primeira, relacionada co saneamento, foi descartada tras afirmar o alcalde que “non precisa planificación, que xa irá facendo”. A segunda, centrada na transparencia, propoñía incorporar ao portal municipal documentos de interese público como orzamentos, contratos, convenios ou bandos. Tamén esta foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno.
Ademais, o PSdeG pediu corrixir os importes erróneos das Escolas Deportivas 2025/26 e ampliar o prazo de inscrición, xa que a cidadanía só contou con catro días para anotarse. Tamén reclamou máis previsión nas comunicacións sobre as rozas de fincas, notificadas en pleno mes de agosto, cando o risco de incendios é máis alto e moitos veciños están de vacacións. Os socialistas esixiron igualmente un maior control sobre as sacas de madeira que, tras os traballos forestais, provocan danos en estradas municipais e provinciais recentemente arranxadas.
No apartado de preguntas, os socialistas puxeron enriba da mesa asuntos que afectan directamente á vida cotiá no municipio: a situación do proxecto do centro de día, a regulación da pista de pádel, o uso do local municipal da rúa Francisco Vilasuso, o estado da motobomba e a súa utilización durante os incendios do verán, a ausencia de acción municipal na poxa da fábrica do Cisne, a falta de limpeza dos colectores, os contidos e funcionamento da nova canle de información, as incidencias detectadas en praias con Bandeira Azul, os compromisos asumidos polo conselleiro de Sanidade na súa visita ou o incumprimento do acordo da FEGAMP en apoio ao pobo palestino.
“O pleno volveu deixar claro que ao alcalde fáltalle previsión, transparencia e vontade de diálogo”, sinalou o Grupo Municipal Socialista, que lamentou que se rexeiten todas as propostas da oposición, mesmo cando buscan mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza do Vicedo.