O PSdeG denuncia no Parlamento a "situación límite" da atención sanitaria en Cervo

AMariñaXa
Lara Méndez criticou a actitude do conselleiro de Sanidade fronte á denuncia dos sanitarios ante a situación en verán
lara-mendez-maria-lujan
10 Jul 2025

A parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, criticou no Pleno do Parlamento de Galicia a actitude do conselleiro de Sanidade fronte á denuncia realizada polo persoal médico dos centros de saúde de Cervo e San Ciprián, que advertiron dunha redución “drástica” da atención durante os meses de verán. Méndez cualificou a situación da sanidade pública na vila mariñá como “límite, precaria e preocupante” e responsabilizou directamente ao Partido Popular do seu deterioro.

Na súa intervención, a deputada socialista lamentou que en lugar de reforzar o servizo sanitario nun municipio que ve triplicada a súa poboación estival —de 4.000 a 12.000 persoas—, a Consellería optara por “atacar” aos facultativos que deron a voz de alarma. “O que fixo foi chamar mentirosos a uns facultativos que o único que fan é avisar aos veciños e veciñas para que non se atopen co petate”, asegurou, facendo referencia aos carteis que informaban da situación e que, segundo denunciou, a xerencia prohibiu colocar, sen chegar a desmentelos en ningún momento.

A advertencia do persoal médico sinalaba que, desde o pasado luns, só quedará unha médica para atender os dous centros de saúde entre as 10.20 e as 15.00 horas, sen citas previas e con atención exclusivamente urxente. “A partir de aí, os que non teñan sorte de ser atendidos terán que ir ao PAC ou volver ao día seguinte”, explicou Méndez, engadindo en ton crítico que “queremos que Cervo sexa destino turístico, pero os turistas teñen que vir saniños da casa”.

A parlamentaria lembrou tamén que os recortes sanitarios “comezaron con M. Rajoy” e responsabilizou ao PP de bloquear esta semana unha proposición de Lei presentada polo PSdeG para garantir atención primaria no prazo máximo de 48 horas.

Ao Pleno asistiron tamén a portavoz socialista no Concello de Cervo, María Luján, así como veciños e veciñas da localidade que se desprazaron a Santiago para mostrar o seu apoio á iniciativa parlamentaria.

⚙ Configurar cookies
0.16471314430237