O PSdeG de Xove leva ao pleno a inacción do goberno local ante os principais problemas do municipio

AMariñaXa
Os socialistas reclaman melloras en sanidade, vivenda, infraestrutura urbana e o cumprimento de promesas como o Centro de Día
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
15 Jun 2025

O PSdeG-PSOE de Xove presentará no vindeiro pleno municipal unha batería de rogos e preguntas centradas nas demandas máis urxentes da cidadanía, denunciando a falta de resposta por parte do goberno local do PP ante cuestións clave para o benestar e o futuro do municipio.

Un dos temas que máis preocupa aos socialistas é a situación do centro de saúde, que cualifican de "retroceso evidente". Segundo indican, hoxe en día só hai unha médica a maior parte dos días, cando non hai moito tempo eran tres os facultativos dispoñibles. Ademais, critican que o servizo de pediatría sexa tan limitado que só funcione tres días á semana e ata as 10:30 da mañá: “Logo pregúntanse por que baixa a natalidade”, apuntan con ironía.

En canto ás infraestruturas, reclaman actuacións inmediatas na Urbanización Palmeiro, onde aseguran que hai tramos sen iluminación, un muro deteriorado e a ausencia dunha beirarrúa obriga os peóns a camiñar pola estrada. “Non se pode falar de seguridade cando falta o máis básico”, sinalan.

O acceso á vivenda no rural será outro dos puntos centrais. O PSdeG preguntará ao executivo local que plans existen para facilitar a rehabilitación e construción de vivendas nas parroquias, ante o avance do despoboamento. “Se non se aposta polo rural, Xove perde a súa alma”, advertiron.

Tamén porán sobre a mesa o abandono das fontes públicas, moitas das cales se atopan, din, en estado lamentable. Piden un plan de mantemento, limpeza e valorización destes elementos patrimoniais.

Finalmente, os socialistas esixirán explicacións sobre o Centro de Día para persoas maiores, un proxecto anunciado hai anos que segue sen materializarse. “Aquí xa nin se move unha pedra”, critican.

Desde o PSdeG acusan ao goberno local de “facer oídos xordos” ás necesidades veciñais e piden unha xestión seria, comprometida e planificada: “Xove precisa un goberno que se implique cos problemas reais da xente, non que viva de promesas incumpridas”.

⚙ Configurar cookies
0.16132998466492