O PSdeG de Xove esixe solucións inmediatas á falta de médicos e ao deterioro da auga

O Grupo Municipal Socialista de Xove prepara unha batería de preguntas ao goberno local no pleno ordinario do próximo luns para abordar dous asuntos que consideran de máxima prioridade para a veciñanza: a falta de médicos no Centro de Saúde e o precario estado do sistema de abastecemento de auga.
Segundo denuncian os socialistas, o municipio viviu este verán unha situación sanitaria “absolutamente insostible”, xa que o Centro de Saúde estivo practicamente todo agosto sen cobertura médica, debido ás vacacións da facultativa titular e á praza vacante tras unha recente xubilación.
“Falamos dun concello enteiro que quedou sen asistencia médica, xogando coa saúde da veciñanza”, advirten, lembrando episodios graves como a falta de atención inmediata a un infarto ou o falecemento dun veciño de Súmoas. Critican ademais a falta de avances por parte do goberno local: “A realidade é que seguimos con parches e cunha médica residente que non pode garantir a cobertura necesaria. O Concello non pode permanecer impasible mentres se xoga coa saúde da veciñanza”.
O PSdeG preguntará no pleno que medidas ten previsto impulsar o executivo municipal para esixir á Xunta a cobertura inmediata das tres prazas de medicina de familia que corresponden ao Centro de Saúde de Xove.
No tocante ao abastecemento da auga, os socialistas denuncian o abandono da rede tras dúas décadas de desleixo por parte do goberno do PP. Citan un informe técnico “demoledor” que alerta de instalacións vellas, con fugas constantes e sistemas de filtrado e contabilización obsoletos.
Esta situación provoca problemas continuos: no inverno a auga chega “como barro” aos fogares e no verán impoñen restricións de consumo. Este ano, ademais, agravouse coa aparición de deficiencias graves no depósito do Cruceiro-Xuances, obrigando ás familias a soportar auga impracticable. O PSdeG preguntará ao executivo cales foron as causas deste deterioro e cando prevé acometer o proxecto de mellora, valorado en arredor de 1,5 millóns de euros.
“Desde o PSdeG-PSOE de Xove imos seguir facendo unha oposición útil e responsable, poñendo enriba da mesa os problemas reais da veciñanza e reclamando solucións inmediatas a un goberno do PP que leva anos mirando para outro lado”, conclúen.