O PSdeG de Xove critica a “suba desproporcionada” do lixo e acusa ao PP de “improvisación e falta de xestión”

O Grupo Municipal Socialista de Xove votou en contra no Pleno extraordinario celebrado o mércores da proposta do goberno local do PP para incrementar de media nun 84% a taxa de recollida e tratamento do lixo. Os socialistas cualifican a medida de “inxusta, desproporcionada e consecuencia directa da falta de xestión de Demetrio Salgueiro e do seu equipo”.
O Concello xustifica o aumento pola adaptación á normativa europea sobre residuos, pero o PSdeG sostén que “nin o PP de Xove nin a Xunta fixeron os deberes”. “Estamos de acordo co principio de quen contamina paga, pero o que non pode ser é que a inacción do PP se traduza nun novo golpe aos petos da veciñanza”, subliñan.
A suba supón un importante impacto económico tanto para as familias como para os pequenos negocios. As vivendas urbanas pasarán de pagar 48 a 88 euros anuais, mentres que as rurais subirán de 36 a 60. No caso da hostalaría rural, o incremento supera o 300%, afectando tamén a outros establecementos locais.
O PSdeG lembra que SOGAMA elevou os seus custes nun 60% en dous anos e segue priorizando a incineración fronte á reciclaxe, “acumulando sancións ambientais que acaban pagando os concellos”.
Os socialistas acusan o goberno local de limitarse a “colocar contedores de cores mentres presume de reciclaxe”, sen políticas de redución, compostaxe nin campañas de concienciación. Ademais, denuncian que a zona rural segue sen alternativas reais para o tratamento dos residuos.
Tamén reprochan ao executivo popular a súa “falta de planificación”, con continuas modificacións de crédito e cinco dedicacións políticas “sen resultados palpables nun concello de 3.300 habitantes”.
“Desde o PSdeG-PSOE imos seguir defendendo os intereses da veciñanza sen afogala con impostos abusivos. Esta suba é o reflexo dun goberno esgotado, sen proxecto e alleo ás políticas ambientais”, conclúen.